Dous meses despois de que Israel iniciase o asedio á Franxa de Gaza, ían contabilizadas 17.997 persoas palestinas asasinadas, entre elas máis de 7.000 crianzas e máis de 4.000 mulleres. Decenas de miles máis resultaron feridas e moitas están desaparecidas. Asemade, Israel atacou máis de 339 centros educativos, 26 hospitais, 56 centros de atención da saúde, 88 mesquitas e tres igrexas. Más do 60% das vivendas de Gaza foron destruídas ou danadas e 1,9 millóns de persoas (o 85% da poboación) tiveron que desprazarse á forza cara a zonas cada vez máis reducidas. Ademais, a falta de alimentos, auga e medicinas provoca que o pobo de Gaza corra un grave risco de sufrir fame e enfermidades epidémicas, cando só 14 dos 36 hospitais están a funcionar e as persoas feridas están a ser tratadas no chan e sen anestesia. A iso hai que sumar a chegada do inverno, que agravará a situación das persoas que viven nas rúas. Para facerse unha idea exacta: as máis de 7.000 crianzas palestinas asasinadas equivalen a todas as crianzas de 0 a 9 anos existentes non municipio de Lugo. Esta é a situación real de Palestina, e Israel xa non pode esconder que esta agresión vai dirixida á “limpeza étnica” do pobo palestino na Franxa de Gaza. De feito, en dous meses tamén asasinou a máis de 500 persoas en Cisxordania. Desde hai semanas Israel e os seus aliados invocan o “dereito á autodefensa” para cometer os seus crimes contra a poboación civil palestina, pero o dereito internacional non recoñece en ningures ese dereito cando se trata dunha “potencia ocupante”. O conflito entre Palestina e Israel non empezou o pasado 7 de outubro, cando se produciu o ataque das milicias de Hamás. Empezou hai setenta e cinco anos, en 1948, cando Israel iniciou a primeira guerra e pasou a ocupar ilegalmente territorio palestino. O Estado de Israel existe só porque unha resolución de Nacións Unidas acordou o seu dereito para existir. Con todo, entre 1947 e 2001, Israel incumpriu 26 resolucións de Nacións Unidas, e fixo da impunidade a súa forma de relacionarse coa comunidade internacional sen que ningunha potencia, alianza de nacións ou organismo internacional lle obrigase a cumprir nin unha soa delas. Por iso converteu Gaza no maior gueto da terra, onde viven 2,4 millóns de persoas, cunha das densidades de poboación máis altas do mundo. “Non é unha guerra, é un xenocidio” converteuse nun berro presente nas multitudinarias manifestacións a prol de Palestina que percorren o mundo. Tamén nos actos convocados pola Plataforma Lugo por Palestina, conformada na nosa cidade por colectivos, partidos políticos, sindicatos e persoas a título individual. As atrocidades que Israel comete desde hai décadas nos territorios ocupados ilegalmente están perfectamente tipificadas no Estatuto da Corte Penal Internacional (CPI): o xenocidio, os crimes de lesa humanidade e os crimes de guerra. A CPI contempla o xenocidio como os “actos perpetrados coa intención de destruír total ou parcialmente a un grupo nacional, étnico, racial ou relixioso”; os crimes de lesa humanidade como “actos cometidos como parte dun ataque xeneralizado ou sistemático contra unha poboación civil e con coñecemento do devandito ataque”; e os crimes de guerra como “actos contra persoas ou bens protexidos polas disposicións dos Convenios de Xenebra de 1949”. Israel é un Estado que se presenta diante da comunidade internacional como democrático cando realmente non o é. Por contra, adopta o papel de vítima para amparar os seus crimes, tachando de antisemita a toda persoa, colectivo ou institución que critica o sionismo, xerando unha confusión falsa e interesada de conceptos. O propio goberno sionista, supremacista e ultradereitista de Benjamín Netanyahu, conformouse en decembro de 2022 mediante unha coalición de seis partidos: o ultraconservador Likud do primeiro ministro; tres de extrema dereita que concorreron nunha soa lista (Sionismo Relixioso, Poder Xudeu e Noam); e dous ultraortodoxos (o sefardí Shas e o askenazí Xudaísmo Unido da Torá). O seu ministro de Seguridade Nacional, Itamar Ben Gvir, hai anos que propugna publicamente a desaparición de Palestina. O pasado 6 de decembro de 2023, o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), António Guterres, enviou unha carta dirixida ao Consello de Seguridade invocando por primeira vez en moitos anos o artigo 99 da ONU. Este artigo permite ao secretario xeral da ONU convocar ao Consello de Seguridade “sobre calquera tema que na súa opinión pode ameazar o mantemento da paz e seguridade internacional”. Guterres lembrou que polo menos 130 persoas da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA) morreron, “moitos deles coas súas familias” e sinalaba textualmente: “A situación está a empeorar rapidamente e encamíñase cara a unha catástrofe con implicacións potencialmente irreversibles para as persoas palestinas no seu conxunto e para a paz e a seguridade na rexión. Ese resultado debe evitarse custe o que custe”. Concluíndo: “Insto os membros do Consello de Seguridade a que exerzan presión para evitar unha catástrofe humanitaria. Reitero o meu chamamento para que se declare un cesamento do fogo humanitario”. O Consello de Seguridade da ONU reuniuse dous días despois do chamamento do seu secretario xeral para discutir unha proposta de resolución de cesamento do fogo humanitario en Gaza, apoiada pola maioría da comunidade internacional. A proposta de resolución recibiu trece votos a favor e a abstención do Reino Unido, pero foi desestimada polo dereito de veto de EE.UU., que votou en contra. Ese mesmo día, o presidente de EE.UU., Joe Biden, saltábase ao Congreso do seu país para enviar a Israel 14.000 proxectís de alto poder explosivo. Unha operación que demostra a actitude cínica de EE.UU. cando realiza supostos chamamentos a respectar o dereito internacional e minimizar as vítimas pero actúa de forma contraria. De feito, o pasado 18 de outubro, EEUU xa vetara outra resolución presentada por Brasil ao Consello de Seguridade. O martes 12 de decembro a Asemblea Xeral da ONU aprobou unha resolución que pedía o “cesamento do fogo inmediato” en Gaza por 153 votos a favor e unicamente 12 en contra, entre eles EE.UU. e Israel. O goberno sionista de Israel ataca violentamente a calquera país, institución ou gobernante que realice críticas sobre o xenocidio en Palestina. Incluso o ministro de Asuntos Exteriores de Israel, Eli Cohen, acusou a Guterres de constituír “un perigo para a paz mundial” e prestar “apoio á organización terrorista Hamás e un respaldo ao asasinato de anciáns, o secuestro de bebés e a violación de mulleres”. Mesmo retirou á súa embaixadora en Madrid, cualificando de “vergoñosas” as declaracións do presidente do goberno central por amosar simples dúbidas de que a ofensiva sobre Gaza respecte o dereito internacional humanitario. A actitude de Israel require de respostas contundentes, ás que este Concello pode contribuír desde o ámbito local. Por iso o Pleno do Concello de Lugo acorda: – Esixir o fin inmediato deste xenocidio e que se obrigue a Israel a cumprir todas e cada unha das resolucións das Nacións Unidas, utilizando todos os medios de presión para conseguir estes obxectivos. – Esixir a ruptura das relacións diplomáticas con Israel por parte do goberno central e da Unión Europea. – Esixir ao goberno central que poña fin ao comercio de armas con Israel. – Esixir á Xunta e ó goberno central que prohiban ao Centro Mixto de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) a certificación das aeronaves non tripuladas (UAVs) israelís, que son utilizadas para masacrar á poboación palestina e para o control das zonas ocupadas. – Esixir ao goberno central que inicie o procedemento necesario ante a Corte Penal Internacional (CPI) para que Benjamín Netanyahu e os integrantes do seu goberno sexan xulgados por xenocidio, crimes de lesa humanidade e crimes de guerra. – Esixir ao Goberno español é a todos os países da UE o recoñecemento de Palestina como Estado independente con todos os seus dereitos, permitindo o regreso das persoas refuxiadas. – Declarar non grata a presencia de calquera diplomático sionista no Concello. – Que calquera empresa ou entidade que desexe establecer acordos co Concello deberá garantir que non comercia co sionismo israelí. – Manter a bandeira palestina na Casa Consistorial mentres dure a agresión sionista en curso. – Trasladar este acordo plenario ao goberno central, á Xunta de Galicia e á embaixada de Israel.
EXMA. ALCALDESA-PRESIDENTA DO CONCELLO DE LUGO


