“Caldaloba”, de Xosé Otero Canto

Tiven a honra de presentar o acto que en Cospeito se celebrou arredor de  “Caldaloba”, drama histórico en verso do poeta e profesor Xosé Otero Canto.

Foi, á vez, un placer inmenso estar en Cospeito, rodeado de amigos que saben,  eu que só poido intuir e sentir a grandeza da terra e da historia; da lenda e da pedra; da persoa do Mariscal e do seu fillo; e de Constanza, a protagonista desta historia.

Levo ben tempo escoitándolle a Xosé Otero Canto, da Ponte de Outeiro, as historias sobre a historia. Otero é un home que podía levar medio século sendo un dos primeiros ourives das nosas letras, pero agardou décadas de silenzo para chegar a mostrarse a todos nós como un dos grandes da nosa poesía, despois de media vida dedicada ao estudo e ao ensino… E cando considerou estar “suficientemente preparado”, entrou arrollador no noso panorama literario para avivar e enriquecer as letras da Chaira, tan importantes como para ter tido unha escola literaria que naceu do cerne do Seminario de Mondoñedo… e de aí temos en castro de Rei a un Crecente Vega; outra máis nova, na que moito tivo que ver Alonso Montero animando ao Darío e ao Rábade, dous grandes de Cospeito; unha máis arredor do Certame Literario de Vilalba, con máis de medio século de existencia… e os mozos e mozas que na Terra Chá agroman para acreditar que esta é unha terra que merece ser cantada e nunca faltará quen a cante.

Non sei a que escola arrimar a Otero Canto, que se Aquilino chamou ao Miño “pastor de ríos”, ben pode considerarse a obra de Xosé Otero como un río caudaloso que non precisa de afluentes para medrar senón que a súa fervente poesía permítelle ir deitando milleiros de poemas polas terras por onde pasa, sexan na Chaira ou na capital; as lendas do Pedregal de Irimia ou as das augas que abrollan en Fonmiñá… as pedras moito máis ca milenarias da Muralla de Lugo, ou o espírito do Nadal que enchoupa as figuras do Belén de Begonte… sendo de subliñar o profundo estudo sobre a obra do malfadado poeta de Castro de Rei, Francisco da Fientosa.

Na poética pública de Otero Canto, que empezou en 2006, hai vinte anos, digamos que leva publicados máis de vinte libros, e colleitando máis de vinte primeiros premios literarios.

Caldaloba
Pero por fin tocoulle a Caldaloba… A Caldaloba que me engaiolou hai agora sesenta e tres anos.
Nos anos sesenta non nos ensinaban historia da terra, nin a querer ao pasado e o presente deste país. E sen embargo, non sei por que, eu peregrinei a Caldaloba cara o remate do verán de 1963, con dezaseis anos.
Sabía mal que ben andar en bicicleta, prestáronme unha e pedaleei desde a miña Vilalba pola estrada ata a Legua Longa. Ao lonxe, víase a solitaria figura dunha torre, e ata Caldaloba cheguei, para admirar a súa serea ruina; ignorante da historia, impresionado por un monumento que me falaba de pasadas glorias…
No lugar reinaba – como dixo Manuel María – a soedá… “Un pobo aquì, outro acolá; mil arbres, monte raso; un ceo chumbo e tráxico…” eu aínda non sabía nada, non lera nada do Manuel. Pero sentin en Caldaloba a soedade da Chá.
Volvín para Vilalba xa de noite, canso, pero cunha satisfacción total, poucas veces vivida despois.
E chega o momento en que un amigo – tiña que ser Otero Canto – escribe un drama en verso sobre a traxedia dos que herdaron as desgracias do Mariscal Pardo de Cela… Constanza e Fernando Ares.
É a crónica en verso dunha traxedia, cualificada polo especialista Antonio José Meilán, autor do limiar, como o acontecemento histórico que puxo fin á Idade Media en Galicia, coincidindo nesta especial significación o autor do libro, Otero Canto, e o Alcalde de Cospeito, Armando Castosa, que interviñeron na presentación.

Fernando Ares

Á morte de Constanza de Castro, sitiada en Caldaloba, quedaban en Caldaloba vivos só Fernando Ares e os seus escudeiros, aos que se respetou a vida por incorporarse ás tropas dos Reis Católicos, que combatían contra os árabes no sur da Península.

A historia garda a memoria do Mariscal, de Constanza de Castro e de Fernando Ares… e a toponimia, por veces, pode ser elemento de xustiza, que neste caso me honrou aportar.

Volvo á Vilalba da miña ignorancia… Indo de Vilalba a Lanzós, a pé, chegamos a unha aldea, Vilate. Pero antes hai que pasar polos curros de Fernandares… Miña nai levaba en aluguer un curro de por alí. Tardei moitos anos en saber que aqueles curros, montes delimitados por muros de terra, conservaban o nome de Fernan d´Ares, o neto do Mariscal, o que no drama de Otero arenga aos veciños “da Do Monte”, proclamando que
“a lingua é o principal,
despois da saúde e o caldo,
non hai nada máis crucial
que o idioma que usamos
dende tempo inmemorial”
para concluir que “pola lingua de antano / a vida habemos de dar”.

Ah, Caldaloba!…
Macía, pintor lucense, profesor de futuros pintores, ilustra este libro para demostrar que as ilustracións son moito máis ca un complemento; son como se lle insuflaran vida ao texto para mellor chegar ao ánimo do lector.

Subliñando a fortaleza do texto,  para rematar, recollo un anaco do limiar de Antonio José Meilán García: “Ah, Caldaloba, Caldaloba!… que os galegos da Mariña e da Chaira vilalbesa dicimos para lembrar a fin daquel Reino de trobadores, reis, poetas e condes levantiscos, e as loits da pacificación do Reino de Galicia, que comezaron con Pardo de Cela e remataron por Constanza de Castro, consagrándose esta dona como símbolo de loita e resistencia dunha Galicia xa afeita a morrer antes de entregarse aos invasores alleos”.

(Texto lido na presentación de “Caldaloba” en Cospeito, o 29 de maio de 2026)

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com