González Abelleira cuestiona que o Goberno municipal revise desde o inicio a ordenanza de ruídos

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista de Lugo, Ana González Abelleira, criticou a decisión do Goberno local de non continuar coa tramitación do proxecto de Ordenanza Municipal de Contaminación Acústica elaborado durante o anterior mandato. Na súa opinión, esta decisión pode atrasar a actualización da normativa e a procura de solucións para os locais que provocan conflitos veciñais.

González Abelleira sostén que o máis conveniente sería aproveitar ese documento, sometelo aos informes e trámites preceptivos e introducir, se fose necesario, as modificacións que considere o actual Executivo.

A representante do PSOE tamén contrapuxo esta decisión coas posicións defendidas polo PP cando estaba na oposición, especialmente en relación con establecementos como Las Palmeras e lembrou que Lugo continúa rexerse por unha ordenanza de contaminación acústica aprobada en 1999. O proxecto impulsado polo anterior Goberno pretendía adaptar a regulación á normativa vixente e incorporar novos instrumentos de intervención e sanción ante comportamentos que afectan ao descanso e á convivencia.

De acordo coa versión socialista, o documento estaba avanzado e contaba cunha valoración favorable dos colectivos veciñais implicados. O PSOE advirte de que reiniciar o proceso podería prolongar a ausencia dunha normativa actualizada e limitar durante máis tempo as ferramentas dispoñibles para a actuación da Policía Local.

A concelleira reclamou ao Goberno municipal que axilice a elaboración da nova ordenanza e evite que a cuestión se converta nun enfrontamento partidista. Ao seu xuízo, a prioridade debe ser dar resposta ás persoas afectadas polos ruídos e polos problemas de convivencia.

O Goberno de Lugo defende a revisión da ordenanza acústica

O Goberno municipal respondeu ás críticas do PSOE e do BNG asegurando que aproveitará o traballo realizado para actualizar a ordenanza acústica, aínda que o documento deberá ser revisado e adaptado á lexislación v vixente.

O Executivo lembra que o borrador aprobado inicialmente en 2023 non completou a súa tramitación. Tras asumir o goberno en maio, abriu a consulta pública e prevé contar con asistencia técnica especializada.

“Non imos levar ao Pleno un borrador simplemente porque xa estea feito”, afirmou Ramón Cabarcos. O Goberno sostén que o seu obxectivo é aprobar unha ordenanza actualizada e útil, con todas as garantías técnicas e xurídicas.

O Goberno local rexeita, deste xeito, que se estea reiniciando o proceso sen ter en conta o documento previo, como sosteñen os grupos da oposición. O Executivo argumenta que pretende completar o procedemento con garantías técnicas e xurídicas.

“Despois de tantos anos sen actualizar esta normativa, Lugo necesita unha ordenanza acústica rigorosa, actualizada e útil para responder aos problemas actuais da cidade”, conclúe o Goberno municipal, que se compromete a levar o texto ao Pleno cando considere que está preparado para a súa aprobación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com