A DXT reforza a vixilancia en tramos de estrada con obras ata o 28 de xuño

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) mantén en marcha ata o vindeiro 28 de xuño unha campaña especial de control e vixilancia en tramos de estradas interurbanas afectados por obras, co obxectivo de supervisar o cumprimento da sinalización específica e das limitacións de velocidade establecidas nestas zonas.

A iniciativa foi presentada onte, martes, pola subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, xunto ao xefe provincial de Tráfico, Alberto Rodríguez; o capitán do Subsector de Tráfico da Garda Civil, Samuel Lago; e o enxeñeiro técnico da Unidade de Estradas do Estado, Iago Fonteboa.

Os controis céntranse nas obras que afectan á calzada e implican modificacións nos carrís de circulación, tanto en vías interurbanas de calquera titularidade como, no seu caso, en tramos de túnel. Os axentes prestarán especial atención ao respecto dos límites de velocidade e da sinalización temporal instalada durante a execución dos traballos.

Durante a presentación da campaña, Olimpia López lembrou que, segundo os datos manexados pola DXT, o 82 % dos accidentes mortais por atropelo a traballadores na calzada atribúense ao comportamento do condutor. A subdelegada incidiu na necesidade de respectar os límites de velocidade e de evitar distraccións e adiantamentos en zonas en obras.

A DXT sinala que un incremento da velocidade de 10 quilómetros por hora pode aumentar significativamente o risco de accidente mortal e advirte tamén do impacto das distraccións ao volante, especialmente do uso do teléfono móbil.

Entre as recomendacións trasladadas polos responsables da campaña figuran o respecto estrito da sinalización extraordinaria, a redución da velocidade por motivos de seguridade, o aumento da distancia de seguridade e a máxima atención durante a circulación por tramos afectados por obras.

Segundo indicou a subdelegada do Goberno, este tipo de campañas de control e vixilancia teñen como finalidade reforzar a concienciación das persoas usuarias das vías e lembrar a importancia de manter hábitos de condución seguros ao longo de todo o ano, especialmente en zonas nas que se están a desenvolver traballos de conservación ou mellora das estradas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com