Unha persoa perdeu a vida este martes tras sufrir un accidente cunha pa xiratoria na parroquia de Martín, no municipio de Baleira. O suceso produciuse poucos minutos despois das 14.00 horas, na zona de Loureiro.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, a vítima quedou atrapada debaixo da máquina despois de que esta envorcase. O Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que xa tiña constancia do accidente, mobilizou ata o lugar un helicóptero medicalizado con base en Ourense.
Ata o punto tamén se desprazaron efectivos dos Bombeiros de Sarria, axentes da Garda Civil e membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Baleira.
Á chegada dos equipos de emerxencia, só se puido confirmar o falecemento da persoa accidentada. Os servizos de intervención continuaban traballando no lugar para proceder á liberación do corpo atrapado baixo a pa xiratoria.
As circunstancias nas que se produciu o accidente están a ser investigadas.






