A voceira adxunta do Grupo Municipal Socialista de Lugo, Ana González Abelleira, reclamou ao Goberno municipal a posta en marcha do proxecto de aparcadoiro previsto para o polígono industrial do Ceao, unha actuación que, segundo defende o PSOE, foi deixou preparado o anterior Executivo.
Segundo explicou a edil socialista, o proxecto conta cun orzamento de 450.000 euros e prevé a creación de 125 novas prazas de estacionamento nunha parcela municipal de aproximadamente 4.500 metros cadrados, actualmente ocupada por unha antiga instalación fotovoltaica. González Abelleira sostén que a actuación responde ás necesidades de mobilidade dunha das principais áreas industriais e comerciais da cidade e asegura que dispón do apoio de asociacións empresariais, empresas e persoas usuarias do polígono.
A iniciativa contempla dúas zonas principais de aparcadoiro, ademais dun espazo reservado para persoas con mobilidade reducida e puntos de recarga para vehículos eléctricos. O deseño inclúe accesos desde as rúas Agricultura e Industria, así como corredores de circulación interior para facilitar o tránsito dos vehículos.
O proxecto incorpora tamén medidas de carácter ambiental, entre elas un perímetro con zonas verdes e arborado ao longo da Avenida Benigno Rivera e das rúas lindeiras. Segundo o PSOE, optouse por eliminar as antigas estruturas metálicas da instalación solar e empregar pavimentos permeables e un sistema de drenaxe natural para a recollida das augas pluviais.
Desde o Grupo Socialista consideran que a actuación debería estar xa en marcha e instan ao Executivo municipal a impulsar a súa execución. Na súa valoración, González Abelleira critica que o actual Goberno manteña paralizados proxectos que, ao seu xuízo, estaban preparados para seren licitados e executados.






