A asociación ecoloxista ADEGA presentou unha denuncia pública contra a C(CHMS) pola instalación de varios paneis informativos na zona de servidume do río Miño, á altura do Club Fluvial de Lugo. A entidade considera que a información recollida nos carteis é incompleta e pode inducir a unha interpretación errónea dos usos permitidos neste espazo de dominio público hidráulico.
Segundo ADEGA, a sinalización fai referencia a distintos usos autorizados da zona de servidume, como as tarefas de vixilancia, a pesca fluvial, o salvamento de persoas e bens, o varado ocasional de embarcacións ou a protección do ecosistema. Porén, sostén que omite a mención ao paso público peonil, recollido expresamente no artigo 7.1 do Regulamento do Dominio Público Hidráulico, o que, ao seu xuízo, pode transmitir a idea de que o tránsito de peóns non está permitido.
A organización defende que a franxa de servidume dos ríos ten carácter público e que o libre paso peonil forma parte dos usos previstos pola normativa, polo que reclama que a información ofrecida sexa completa e fiel ao texto legal.
ADEGA tamén critica que os paneis estean redactados unicamente en castelán. A asociación considera que esta circunstancia non se axusta ao marco legal vixente en Galicia en materia de normalización lingüística e sostén que unha administración con competencias no territorio galego debería empregar tamén o galego na sinalización institucional.
Ante esta situación, ADEGA-Lugo solicita á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a retirada dos paneis actuais e a súa substitución por outros que recollan integramente os usos previstos no Regulamento do Dominio Público Hidráulico, incluído o dereito ao paso público peonil, e que estean redactados en galego.






