Unha persoa resultou ferida de gravidade na mañá deste venres tras sufrir un accidente de tráfico no termo municipal de Barreiros. O sinistro produciuse poucos minutos despois das 8:30 horas no quilómetro 572 da estrada N-634, á altura de Celeiro de Mariñaos.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, varios particulares contactaron co servizo de emerxencias para informar de que un turismo envorcara na vía. No accidente viuse implicado un único vehículo.
Ata o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros, de Protección Civil de Barreiros e persoal de conservación da estrada.
Os bombeiros tiveron que excarcerar a persoa ocupante do vehículo, que posteriormente foi atendida polo persoal sanitario e trasladada ao Hospital da Costa en estado grave.
As circunstancias nas que se produciu o accidente están pendentes de esclarecemento.





