O proxecto, cun orzamento estimado de 150.000 euros, abrangue 230 metros e busca mellorar a seguridade no acceso ao colexio das Gándaras
O Concello de Lugo iniciou os trámites necesarios para obter os terreos nos que se proxecta construír unha nova beirarrúa na rúa Virxe da Soidade, entre a Calzada das Gándaras e a rúa do Peto.
A intervención, que conta cun orzamento de licitación próximo aos 150.000 euros, permitirá acondicionar un tramo duns 230 metros. O obxectivo é dotar de infraestrutura peonil unha zona empregada diariamente polo alumnado do colexio das Gándaras, as súas familias e a veciñanza.
Segundo informou a alcaldesa, Elena Candia, para executar a obra será necesario adquirir superficie pertencente a dúas propiedades. En concreto, o Concello precisa dispoñer dunha franxa de aproximadamente 60 metros de lonxitude e 2,5 metros de ancho.
Un proxecto iniciado en 2018
A actuación ten a súa orixe nunha encomenda realizada a EVISLUSA en 2018 para redactar o proxecto. A súa execución foi reclamada en distintas ocasións polo Grupo Municipal do Partido Popular, que tamén a incorporou ás súas propostas para os orzamentos municipais.
O deseño actual introduce algunhas modificacións respecto da proposta inicial. Entre elas figura a construción, na marxe dereita da vía, dunha plataforma cunha rampla accesible que permitirá trasladar a parada de autobús existente na zona.
O proxecto prevé manter os redutores de velocidade instalados na rúa e ampliar o paso de peóns situado na intersección da Calzada das Gándaras con Virxe da Soidade.
Diante do centro educativo habilitarase tamén un espazo reservado para o estacionamento de autobuses. Ademais, colocarase sinalización para ordenar o aparcadoiro de vehículos particulares nas dúas marxes da vía.
Candia sostivo que a intervención responde a un compromiso do Goberno local e permitirá reforzar a seguridade viaria tanto na contorna do colexio como no conxunto do barrio.






