O soporte, destinado aos establecementos hostaleiros, incorpora un código QR que enlaza cunha guía sobre patrimonio, cultura, gastronomía, natureza e museos
O Concello de Lugo presentou unha tarxeta de benvida destinada a facilitar ás persoas visitantes o acceso á información turística e cultural da cidade. O soporte, que inclúe un saúdo da alcaldesa, Elena Candia, incorpora un código QR que dirixe a unha guía dixital con contidos sobre patrimonio, cultura, gastronomía, natureza e museos.
A tarxeta distribuirase entre os establecementos hostaleiros da cidade. Segundo explicou o Goberno local, a iniciativa busca aproveitar o contacto directo destes negocios coas persoas visitantes e facilitarlles información sobre os recursos dispoñibles durante a súa estancia.
O novo material foi presentado nun encontro con representantes do sector. Durante a reunión, Candia sinalou que o Concello pretende mellorar a experiencia turística e favorecer unha distribución máis equilibrada das visitas ao longo do ano.
“O desenvolvemento turístico ten unha importancia enorme para a economía da cidade e para a creación de emprego. Temos recursos, temos patrimonio e temos moitas posibilidades”, afirmou a alcaldesa.
Candia tamén defendeu a ampliación da oferta turística máis alá de celebracións consolidadas como o Arde Lucus ou o San Froilán. Entre os ámbitos que o Concello considera con capacidade para atraer visitantes citou os museos, o patrimonio cultural, a gastronomía, os espazos naturais e os recursos termais.
Pola súa banda o concelleiro de Turismo e Museos, Agustín Gallego, presentou a iniciativa baixo o lema municipal “Lugo está de moda” e destacou a colaboración cos negocios hostaleiros como unha das vías para coñecer as necesidades das persoas que visitan a cidade.
Segundo indicou o edil, a tarxeta e a Guía Cultural e Turística forman parte das actuacións municipais orientadas a simplificar o acceso á información e dar a coñecer un maior número de recursos da cidade. O Concello confía en que a medida contribúa a mellorar a experiencia das persoas visitantes e a reforzar a difusión de Lugo como destino, aínda que non facilitou polo momento datos sobre o número de soportes que se distribuirán nin sobre o custo da iniciativa.






