A programación do último trimestre inclúe xornadas micolóxicas e obradoiros de rescate en montaña, cestería e actividades de Nadal
A Deputación de Lugo abriu este mércores, 30 de setembro, o prazo de inscrición para as actividades do cuarto trimestre na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. A programación reúne seis propostas de lecer e educación ambiental, con 92 prazas para persoas adultas e 15 para nenos e nenas.
As primeiras actividades serán dúas xornadas micolóxicas, previstas para o 4 de outubro na Escola de Barcia, en Navia de Suarna, e para o 31 de outubro no Piornedo, en Cervantes. Ambas desenvolveranse de 10.00 a 14.00 horas e ofrecerán 25 prazas para adultos cada unha. Segundo informa a institución provincial, aínda hai prazas dispoñibles para a sesión deste domingo.
O 7 de novembro celebrarase un obradoiro de rescate en montaña no Edificio de Servizos Múltiples de San Román de Cervantes. A actividade está dirixida a persoal de Protección Civil ou dos corpos de seguridade e conta con 15 prazas. A sesión teórica terá lugar de 9.00 a 15.00 horas, mentres que as prácticas, que incluirán rescates diúrnos e nocturnos, desenvolveranse de 16.30 a 22.30 horas.
A Escola de Barcia acollerá tamén un obradoiro de cestería os días 21 e 28 de novembro, con 12 prazas para adultos. A primeira sesión será de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas; a segunda, de 10.00 a 14.00 horas.
A programación rematará en decembro con dúas propostas no Centro Social de Becerreá. Os días 4 e 11 impartirase un obradoiro de arte floral de Nadal, con 15 prazas para adultos. Do 28 ao 30 organizaranse xogos e cantos de Nadal para nenos e nenas, tamén con 15 prazas.
As inscricións nas actividades dos Ancares Lucenses poden realizarse no teléfono 982 227 813 ou no correo electrónico ancareslucenses@deputacionlugo.org.
Prazas dispoñibles para o obradoiro de poda en Terras do Miño
A Deputación informou tamén de que a maioría das máis de cen prazas da programación do último trimestre na Reserva da Biosfera Terras do Miño xa están cubertas. Segundo a institución, quedan vacantes no obradoiro de poda de froiteiras e viñas, dirixido a adultos.
Esta actividade desenvolverase no Centro de Interpretación Terras do Miño do 30 de novembro ao 4 de decembro e do 14 ao 18 de decembro. As persoas interesadas poden inscribirse no teléfono 982 305 930, no correo und.medioambiente@deputacionlugo.org ou a través da web de inscricións da Deputación.






