As obras comezan esta semana e teñen un prazo de execución de dous meses, mentres avanzan os traballos na rúa Milagrosa, que inclúen a renovación integral do saneamento
O Concello de Lugo inicia esta semana as obras de renovación dos pavimentos de Campo Castelo e Rúa Nova. Os traballos, anunciados antes do San Froilán, buscan reparar as zonas deterioradas e mellorar a resistencia do firme ao tráfico rodado.
A intervención en Campo Castelo comeza no tramo comprendido entre a saída das galerías da Praza Maior e a parte posterior da Casa Consistorial, mentres que os traballos na Rúa Nova están previstos para finais desta semana. O prazo de execución establecido para cada obra é de dous meses.
O novo pavimento combinará baldosa de granito nos laterais e adoquín na zona central, colocado sobre unha capa de morteiro de cemento. Segundo o proxecto municipal, esta solución pretende aumentar a durabilidade do firme e facilitar a substitución de pezas individuais cando se deterioren.
Avanzan as obras da rúa Milagrosa
Por outra banda, as obras de renovación da rúa Milagrosa, iniciadas tras as festas do barrio, atópanse nunha fase avanzada. Durante a execución detectáronse problemas nas canalizacións existentes, polo que se incorporou ao proxecto a renovación completa da rede de saneamento.
Os traballos inclúen a substitución dos colectores, dos pozos de rexistro e das acometidas domiciliarias. A actuación contempla tamén a transformación da rúa nunha plataforma única, cunha configuración que dará prioridade aos peóns.






