Rescatada en helicóptero unha muller que caeu por un desnivel nun acantilado de Ribadeo

A muller precipitouse varios metros mentres facía unha fotografía na zona da praia de Rocas Brancas e foi trasladada ao Hospital de Burela

Unha muller foi rescatada este martes polo helicóptero Pesca II, do Servizo de Gardacostas de Galicia, tras caer por un desnivel de varios metros nun acantilado da zona da praia de Rocas Brancas, en Vilaselán, no municipio de Ribadeo. Posteriormente, foi trasladada en ambulancia ao Hospital de Burela.

O suceso ocorreu minutos antes das 16.00 horas. Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, a propia muller chamou ao servizo de emerxencias para pedir axuda e explicou en inglés que caera mentres facía unha fotografía. Grazas ao sistema de tradución simultánea, puido indicar a súa localización e a necesidade de recibir asistencia sanitaria.

A muller atopábase na area tras a caída e a subida da marea facía necesario realizar o rescate con rapidez. Ante esta situación, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias mobilizou os servizos sanitarios do 061, Salvamento Marítimo, Gardacostas de Galicia, Garda Civil, Policía Local e Protección Civil de Ribadeo, ademais dos Bombeiros de Barreiros.

O helicóptero Pesca II realizou o rescate e a muller foi evacuada posteriormente ao centro hospitalario. A información facilitada polos servizos de emerxencias non concreta o alcance das lesións sufridas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com