O volume recolle os contidos dos encontros poéticos celebrados na UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano.
O salón de plenos do Concello de Lugo acollerá o próximo luns, ás 19.30 horas, a presentación do libro Lugopoética 2026, unha publicación que reúne os contidos das conversas poéticas desenvolvidas na sede da UNED en Lugo durante o primeiro semestre deste ano.
Os encontros estiveron dirixidos polo profesor e poeta Xosé Carlos Ulloa e contaron co patrocinio do Concello de Lugo, a Xunta de Galicia e a UNED. O libro é o terceiro volume dunha serie iniciada en 2024 e inclúe a participación de doce poetas procedentes de Chantada, Castroverde, Sarria, Lugo, Paradela, Guitiriz, Cospeito e Corme.
O acto está organizado por Egeria e Brandán Comunicación e contará coa presenza da alcaldesa de Lugo, Elena Candia; do delegado territorial da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, e da directora da UNED de Lugo, Ana Traseira.
Participación de autores e música en directo
Ademais das autoridades, intervirán na presentación o director dos encontros, Xosé Carlos Ulloa, e o presidente de Egeria, Xulio Xiz, xunto cos poetas Diana Varela Puñal, Chelo Gayoso, Alicia Fernández, Elena Pérez, Eduardo Carreira, Ánxela Gracián, Anamar Fraga, Mariluz Balsa, Xosé Lois García e Ramón Rodríguez Porto.
A música tamén terá presenza no acto, cunha actuación á frauta traveseira de Angélica Darriba Fernández, de 13 anos, integrante das Escolas Músico Crisanto e da Banda Sons e Soños. A intérprete xa participou musicalmente en varios dos encontros poéticos.
A organización anuncia que cada unha das persoas asistentes recibirá un exemplar de Lugopoética 2026, unha publicación que dá continuidade ao proxecto de recompilación das conversas poéticas celebradas na cidade.






