O XXI Concurso de Tapas de Lugo celebrarase do 6 ao 22 de novembro coa participación de 37 establecementos hostaleiros. A iniciativa, organizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo (APEHL) co patrocinio municipal, busca promover a gastronomía local e dinamizar a actividade do sector.
Durante as dúas semanas de concurso, a clientela poderá degustar as diferentes propostas culinarias e votar polas súas favoritas. O reconto, previsto para o 23 de novembro, permitirá seleccionar as doce tapas máis valoradas, que pasarán á final. Ademais, un xurado técnico escollerá a proposta que representará Lugo nun certame de ámbito nacional.
A convocatoria reúne propostas de 37 locais, entre eles 3 Pés, Anda, Ave César, Bulló Xantar, Calibre 2.7, Coco’s Bar, Eduri, Galo, Irmandiños, La Pepita Lugo, Las Cinco Vigas, Malizzia Street Food, O Figón, O Mercado, Paprica, Pulpería O Castelo e Toni Portela, entre outros.
O concurso pretende dar visibilidade á creatividade dos profesionais da hostalaría e favorecer o percorrido polos establecementos participantes. A organización e o Concello destacan a colaboración entre ambas as partes como unha vía para impulsar a gastronomía lucense e apoiar a actividade económica e social vinculada ao sector.






