Un grupo de estudantes do Lycée Joseph Saverne de L’Isle Jourdain, localidade próxima a Toulouse, visitou a Casa Consistorial de Lugo no marco dun intercambio do programa Erasmus co IES Nosa Señora dos Ollos Grandes.
O alumnado mantivo un encontro co concelleiro de Benestar Social, Gustavo Díaz, no que abordou o funcionamento das institucións españolas, a organización territorial do Estado e o reparto de competencias entre as administracións central, autonómica e local.
A conversa centrouse tamén nas políticas migratorias e nos procedementos para acceder á residencia e á nacionalidade española, así como no sistema de acollida das persoas solicitantes de protección internacional.
Durante a recepción explicouse o papel dos concellos na atención ás persoas migrantes, especialmente a través do empadroamento e dos servizos municipais de información, orientación e acompañamento social.
O encontro permitiu ao alumnado achegarse á realidade administrativa e social española desde a perspectiva local, nunha actividade que se enmarca nos obxectivos dos intercambios Erasmus de promover o coñecemento mutuo e a convivencia entre a mocidade europea.






