O Concello de Lugo celebrará o vindeiro mércores, 25 de novembro, ás 11.00 horas, na praza de Santo Domingo, un acto con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha xornada dedicada á lembranza das vítimas e á sensibilización social fronte á violencia machista.
A convocatoria contará coa participación da Corporación municipal e terá como un dos seus momentos centrais a lectura dun manifesto institucional, que correrá a cargo dunha muller usuaria da Casa da Muller. A intervención pretende dar voz ás mulleres que sofren ou sufriron situacións de violencia.
Tras a lectura, celebrarase a tradicional ofrenda floral ante o ginkgo biloba, coñecido como a Árbore da Vida, situado na mesma praza e convertido nun espazo de memoria e homenaxe ás vítimas.
A música tamén terá presenza na conmemoración. Noelia Geada, acompañada ao piano por David Taboada, interpretará catro cancións vinculadas á reivindicación dos dereitos das mulleres e ao rexeitamento da violencia machista: María se bebe las calles, de Pasión Vega; Ni una más, de Aitana; No vales más que yo, de La Oreja de Van Gogh, e La puerta violeta, de Rozalén, coa que se pechará o acto.
A xornada do 25N busca, así, manter viva a memoria das vítimas e lembrar a importancia da implicación social na prevención e erradicación de todas as formas de violencia contra as mulleres.
O Concello convida a veciñanza a participar nesta homenaxe e a expresar o seu rexeitamento á violencia contra as mulleres.






