Lugo celebra o vindeiro luns, 30 de novembro, o aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade

Lugo celebrará o vindeiro 30 de novembro o aniversario da declaración da Muralla Romana como Patrimonio da Humanidade cun programa de actividades que combinará participación escolar, fotografía, divulgación e música.

A xornada comezará ás 12:00 horas, na Mosqueira, cunha homenaxe infantil ao monumento, na que alumnado dos centros educativos participantes lerá frases dedicadas á Muralla. Media hora despois, ás 12:30 horas, a Casa do Concello acollerá a entrega dos premios do concurso de fotografía do Arde Lucus. As imaxes seleccionadas poderán visitarse na planta baixa do edificio ata o 14 de decembro.

A programación trasladarase pola tarde ao Auditorio Fuxan os Ventos. Ás 19:30 horas, o arquitecto Ignacio López de Rego, director do equipo encargado dos estudos previos do Plan Integral de Conservación e Restauración da Muralla, ofrecerá unha conferencia sobre os avances no desenvolvemento do Plan de Conservación e Xestión do monumento.

O programa pecharase ás 20:30 horas cun concerto dos grupos de cámara da Banda Municipal de Música de Lugo, que actuarán por primeira vez no novo auditorio. Participarán as formacións de clarinetes e fagot, saxos e clarinete, e metais e percusión. A actuación terá unha duración aproximada dunha hora e será de entrada gratuíta.

Baixo o lema «Pedra a pedra, paso a paso e día a día. Unha muralla de orgullo aberta ao mundo», a conmemoración pretende poñer en valor o principal monumento da cidade a través de propostas culturais, educativas e divulgativas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com