Seguen as mobilizacións dos gandeiros malia o anuncio de onte

Segundo ven de anunciar o Sindicato Labrego Galego, “a pesares do que están a dicir algúns medios de comunicación, non se trata do remate das mobilizacións, pois no seo da Plataforma decidimos centrar as protestas naquelas industrias e distribuidoras que se negan a chegar a ningún tipo de acordo”.

O manifesto enviado continúa decindo que “o bloqueo ás industrias é unha medida que implica un alto custo para a xente gandeira. Diante da presión das multas e da chegada dun gran número de antidisturbios ás inmediacións das empresas, valorouse a imposibilidade de manter este mesmo formato de mobilización, pois até o 23 de setembro non se prevé que haxa un texto definitivo para o acordo do sector lácteo. Sen ir máis lonxe, esta presión que denunciamos sobre as mobilizacións do sector lácteo traduciuse onte no atropelo dunha persoa por un camión de Reny Picot en Asturias, feito que condenamos sen paliativos dende o Sindicato Labrego Galego”.

“Por estes motivos, decidimos reconducir as mobilizacións levantando o bloqueo sobre a totalidade das industrias e focalizándoo a partir de hoxe mesmo, nas empresas máis reticentes a asinar calquera tipo de acordo. Polo tanto, as mobilizacións seguen coa vista posta no 23 de setembro, data na que o Ministerio de Agricultura decidirá se acepta introducir as nosas emendas no texto final do acordo para o sector lácteo”.

Para rematar con todas as mobilizacións e volver a normalidade, solicitan que se inclúan no acordo catro emendas: Retirada inmediata dos contratos á baixa, clarificación dos índices que definan o “prezo sostible” que aparece no documento inicial, elaboración e aprobación dun decreto de garantías que faga o acordo de obrigado cumprimento “para non confialo á boa vontade das partes”, e entrada en vigor dos acordos o 1 de outubro.

Dende a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo afirman que velarán pola inclusión definitiva destas emendas no texto final dos acordos, “do mesmo xeito que ficaremos vixiantes para que a totalidade de industrias e distribuidoras o asinen”, conclúe.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com