" />

A Alcaldesa anuncia a creación de 500 novas prazas de aparcamento gratuítas no entorno do HULA

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este venres que o Concello traballa na reordenación do tráfico e no acondicionamento dunha parcela municipal en fronte da entrada do HULA, medidas coas que quedarán habilitadas máis de 800 prazas de aparcamento gratuítas, 500 delas de nova creación.

Méndez, acompañada do voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, e de técnicos municipais, avanzou esta iniciativa durante unha reunión mantida nas inmediacións do centro hospitalario con membros da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, cos que visitou tamén os terreos municipais nos que se creará o aparcamento.

Por unha banda, o Concello estuda que o estacionamento da rúa de enfronte ao HULA deixe de ser lineal e pase a diagonal, medida coa que se gañarán 150 novas prazas, e en total haberá dispoñibles unhas 500. Doutra banda, acondicionarase como estacionamento a parcela de titularidade municipal, tamén en fronte do hospital, na que deste xeito se crearán en torno a 330 prazas.

Neste caso, o proxecto acometerase en varias fases. A primeira consistirá en desbrozar a zona e proceder ao movemento de terras para allanar o terreo. Tamén se tomarán as medidas necesarias para protexer as mámoas achadas na finca, en coordinación co departamento autonómico de Cultura.

Con estas actuacións para ampliar o aparcamento gratuíto no entorno do HULA, o Concello dá solución a unha demanda veciñal, “unha das maiores preocupacións que a día de hoxe teñen os veciños de Lugo e da provincia”, subliñou o Presidente da federación de asociacións veciñais, Jesús Vázquez.

Violencia de Xénero

Noutra orde de asuntos, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, presentará no Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade, que se celebrará o vindeiro 3 de novembro no Salón de Plenos do Concello, o Pacto cidadán por un Lugo libre de violencia de xénero. Trátase dun documento que ten por obxectivo conseguir o rexeitamento social a calquera acto de violencia contra as mulleres, así como de promover modelos alternativos de convivenica, no marco da cultura da igualdade, e conseguir unha tolerancia cero cara a violencia de xénero.

“Co Pacto cidadán por un Lugo libre de violencia de xénero queremos facer un chamamento á concienciación cidadá para loitar entre todos contra esta intolerable lacra social, da que foron vítimas no que vai de ano 36 mulleres, sen esquecer aos menores que a padecen e ás súas familias e amizades”; asegurou González Abelleira.

“O Concello de Lugo está comprometido coas políticas a prol da igualdade entre mulleres e homes”, subliñou a edil, quen lembrou os tres plans de igualdade de oportunidades aprobados, as accións de sensibilización desenvolvidas nos ámbitos deportivo, cultural, educativo ou social ou o servizo de atención social, psicolóxica e xurídica que ofrece a entidade local dende a Casa da Muller, que no que vai de ano atendeu a máis de 250 mulleres e 3.700 consultas.

O pacto fai fincapé en traballar a prol da igualdade como eixe vertebrador da sociedade, creando redes de actuación conxunta para as administracións, as entidades e asociacións para actuar e mobilizarse conxuntamente contra a violencia machista, que supón un dos principais problemas sociais. A magnitude do mesmo visualízase nas “preocupantes cifras”, tal e como as definiu a edil, máis de 30.200 denuncias por violencia de xénero no primeiro trimestre do ano, preto de 3.500 homes condenados e preto de 4.800 ordes de proteción neste mesmo período.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo