A Alcaldesa de Lugo recibiu esta mañá ao novo reitor da USC, Antonio López, nun primeiro contacto institucional, que serviu para constatar a boa relación e a colaobración entre o Concello e a universidade, así como a vontade de ambos en profundizar nesta relación, que contribúe á dinamización da cidade. Nesta visita protocolaria, a primeira desde que López fora investido reitor da institución académica compostelá, tamén estivo presente a vicerreitora de coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel.
Na visita, Antonio López asinou no Libro de Ouro do Concello de Lugo, no que expresou a súa vontade de que o bo entendemento entre a administración local e a USC redunde en beneficio para a docencia e a investigación e, á súa vez, para todo o conxunto da cidadanía luguesa. Esta premisa tamén a compartiu Lara Méndez, quen se puxo a disposición para fortalecer o clima de entendemento e as liñas de colaboración que manteñen ambas as institucións.
Tamén na Deputación
Tamén o presidente da Deputación, Darío Campos Conde, recibiu hoxe no Pazo de San Marcos, ao novo reitor da Universidade. Campos Conde e López Díaz avanzaron sobre a colaboración entre Deputación e USC. Nas vindeiras semanas, manterán outro encontro no que se acordarán as liñas de traballo entre ambas institucións.