A Alcaldesa pide unha entrevista con Feijóo para abordar demandas dos lucenses

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, enviou este luns unha carta ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para solicitarlle un encontro no que abordar “as prioridades, demandas e proxectos necesarios para garantir o benestar dos lucenses e o desenvolvemento socioeconómico do noso municipio”.

A rexedora considera que é o momento de fixar data para dita reunión, “unha vez constituída a Corporación municipal, conformado o novo Equipo de Goberno e pechada a organización interna do Concello”. Con esta solicitude, Méndez responde á dispoñibilidade que o propio Feijóo lle amosou na conversa telefónica que ambos mantiveron o día 15 de xuño.

Entre os temas fundamentais “e pendentes con Lugo” que Lara Méndez lle plantexará ao Presidente do Goberno galego están, tal e como avanzou a rexedora, a dotación dos servizos de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear ao HULA, a rehabilitación do Cuartel de San Fernando e a súa conversión en Museo da Romanización, a construcción da Ronda Leste, a dotación de servizos ao barrio da Residencia, prazas públicas de residencia e centro de día para os maiores, prazas públicas de gardería, o mantemento da escola infantil do barrio do Sagrado Corazón, as obras do novo auditorio, a construcción da estación intermodal, a execución do Plan Paradai, a continuidade do plan de rehabilitación de vivendas na Tinería, a posta en valor do Camiño de Santiago ao seu paso por Lugo, ou as competencias en materia de servizos sociais. “Cuestións que debemos abordar conxuntamente e de inmediato porque son vitais para o futuro do concello lucense”, subliñou a rexedora.

A Alcaldesa confía en que Núñez Feijóo “comparta comigo a vontade de manter un diálogo institucional aberto e fluído en beneficio dos cidadáns, aos que nos debemos por riba de todo”, polo que espera que “canto antes” o Presidente fixe a data para a súa primeira entrevista.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com