A alta velocidade podería chegar a Lugo en 2021

O Ministro de Fomento, Íñigo de la Serna visitou hoxe a cidade de Lugo para percorrer en tren a recén estreada Variante da Pobra de San Xiao pola que, para 2021, pasará, segundo anunciou, a liña da alta velocidade entre Ourense e Lugo. De la Serna avanzou ademáis que o Goberno central investirá un orzamento de ao redor de 283 millóns de euros nas obras de renovación e electrificación da totalidade do tramo Ourense-Monforte de Lemos-Lugo. 

En total, o Ministerio de Fomento reserva para Lugo unha inversión de entre 1.200 e 1.600 millóns de euros para completar todas as actuacións de mellora da Infraestrutura, os estudos das diferentes variantes, a eleminación de 36 pasos a nivel e a renovación e electrificación de todas as vías, coa finalidade e o compromiso de que en 2021 a alta velocidade consiga unir a capital lucense con Madrid en tan só 3 horas e 47 minutos.

A día de hoxe, tal e como confirmou o Ministro, Lugo e Madrid están conectados en 6 horas e 20 minutos por ferrocarril, un tempo que se verá moi reducido en 2021 e moito máis cando se concreten as dúas variantes que consumirán o groso do orzamento do Goberno. Estas son: a de Os Peares- Canabal que aínda se atopa en fase de estudo e con ata catro variables posibles que levarían un investimento de entre 433 e 692 millóns de euros; e a de Rubián que, con tres variables a estudo, varía o seu gasto entre os 364 e os 590 millóns de euros. Os técnicos terán que avaliar cal das variables de cada trazado resulta máis adecuada.

Asemade, De la Serna avanzou que, tras abrir o novo trazado da Pobra de San Xiao, a vella vía quedaría sen utilidade, así que o Ministerio está en conversas co Concello de Láncara para pór en marcha un novo proxecto de vía verde.

“Ratifícase o compromiso do Goberno con Lugo”

De la Serna realizou este anuncio tras percorrer o traxecto en tren dende Sarria xunto ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen gabou a relevancia que estas obras de conexión terán na provincia de Lugo, que volverá a ser “competitiva en materia ferroviaria”. Feijóo asegurou que a alta velocidade mellorará a mobilidade dos lucenses, así como a seguridade ao eliminar os pasos a nivel, a cohesión territorial e a proxección do conxunto de Galicia con España.

O presidente da Xunta afirmou que hoxe e con esta actuación “ratifícase un novo compromiso do Goberno central coa provincia de Lugo e coa Comunidade galega” e emprende un camiño que porá a Lugo “no lugar que merece”.

“Estamos a falar dunha completa planificación que acredita a realidade con proxectos tecnicamente definidos e obras valoradas e recollidas en orzamentos que aseguran a súa viabilidade máis alá do papel”, aseverou. É sobre todo un compromiso palpable, un tren en marcha que circula xa a través da variante da Pobra de San Xiao de Láncara e que supón o pistoletazo de saída á renovación da liña de ferrocarril entre Lugo e Ourense, explicou, engadindo que esta actuación incidirá na comodidade, na velocidade dos percorridos e na seguridade, coa eliminación dos pasos a nivel.

O PSOE quere as promesas no BOE

Nesta presentación, que tivo lugar na Subdelegación do Goberno en Lugo, estivo tamén presente o Secretario Provincial do Partido Socialista, Alvaro Santos quen tildou este anuncio de promesas indefinidas. Para Santos Ramos, o PP leva anos mentindo aos lucenses e que o AVE nunca chegará a Lugo. O socialista pide aos populares que aclaren de unha vez que tren vai ter Lugo.

Tamén a corporación municipal estivo presente nesta presentación e, como non podía ser doutra forma, deron a súa opinión. A rexedora da cidade afirmou que lle era “moi difícil crer” nas palabras do Ministro, pois aínda que o cronograma está ben, “ata que o vexa no Boletín Oficial do Estado, non o crerá de todo”. Desde o punto de vista da socialista hoxe “iníciase un novo camiño” que mellorará as comunicacións da provincia de Lugo pero afirmou que hoxe o presidente da Xunta “recoñeceu” que “dende que estivo José Blanco ao frente do Ministerio non se fixo absolutamente nada por Lugo”. 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com