A área de Xuventude remove conciencias cunha nova edición dos concuros de Deseño Gráfico e Fotografía

“Hai vítimas porque hai verdugos, mulleres asasinadas porque hai asesinos. Unha violencia de dominación que podería denominarse terrorismo e contra a que cómpre loitar dende todas as frontes posibles, axitando conciencias e incitando a asumir a responsabilidade que, como sociedade, nos corresponde no rexeitamento firme de calquera conduta que revele machismo”.

Con ese obxectivo a concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira, anima á cidadanía a participar no Concurso de Deseño Gráfico contra a Violencia de Xénero e no VIII Certame de fotografía Revelando o machismo, que o Concello convoca cada ano para loitar pola igualdade real entre mulleres e homes.

Dous concursos nos que poderán concorrer cantos autores e autoras o desexen.

“No de deseño gráfico, os traballos de tamaño e técnica libre, deberán ser presentados en soporte ríxido  para facilitar a súa posible exposición. Sendo requisito indispensable que figuren os logotipos do Concello e da Casa da Muller xa que será esta quen o empregue como imaxe das futuras campañas que desenvolva”, explicou a edil ao tempo que sinalou que “se valorará, específicamente que os deseños contribúan á prevención da violencia de xénero, especialmente nas persoas novas, destacando valores positivos como o bo trato na parella”.

Pola súa banda, no certame de fotografía, as imaxes deberán ter un tamaño de 20×30 centímetros como mínimo e 40×50 centímetros como máximo e será obrigatorio presentalas sobre cartolina branca ou cartón ríxido de 50×70 centímetros, cuxo grosor non exceda de 1,5 centímetros. Admitiranse traballos tanto en branco e negro como en cor e o soporte de presentación das mesmas será en papel tradicional, analóxico ou químico.

“As obras terán que ser presentadas, baixo lema, de maneira anónima, e ir acompañadas doutro sobre adxunto, pechado e co mesmo lema, onde se indiquen os datos identificativos da persoa participante, tendo como prazo máximo para entregalas ata as 13 horas do próximo 19 de febreiro, na Casa da Muller”, conluíu Ana Gónzalez que subliñou que o primeiro premio para ambos concursos é de 600 euros.

Para máis información, os datos dámbalas dúas convocatorias poden consultarse na páxina web www.lugo.gal, na Casa da Muller, no teléfono 982.29.74.12 e no enderezo electrónico cmuller@concellodelugo.org

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com