A asociación Si, hai saída considera cuestionable a anulación da dispensa a declarar contra o seu agresor das vítimas de violencia de xénero

Desde a asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero queremos expresar a nosa preocupación ante o cambio na xurisprudencia do Tribunal Supremo por mor do cal as vítimas de violencia de xénero non poderán exercer a dispensa a declarar contra o seu maltratador.

Alegan que esta medida é tomada na procura da protección as vítimas de violencia machista ante as posibles coaccións do seu agresor, despois de telo denunciado.

Con todo respecto, non podemos por menos que afirmar que tal medida deixa patente que a formación non implica o coñecemento da realidade das vítimas, xa que é evidente, e así o demostra o noso día a día, que a devandita medida non soamente non garante evitar esas coaccións, que poden derivar en que a vítima cambie a súa declaración, se non que pode chegar a ser un elemento disuasorio para denunciar.

O medo que senten as posibles represalias do seu agresor unha vez este é denunciado, sobre todo se queda libre, a incerteza ante o futuro, así como a dependencia emocional que adoitan ter del poden chegar a provocar cunha alta probabilidade que, unha vez no Xulgado, cambie a súa declaración, mesmo se presenta lesións, alegando, por exemplo, que todo foi un malentendido, que, efectivamente, tiveron unha discusión, e que, froito dos nervios, tropezou, caeu, ou se golpeou contra algo.

Unha muller presa do pánico, ameazada, vai tentar negar a violencia ata o último extremo, con tal de aferrarse a calquera posibilidade, por pequena que sexa, de salvar a súa vida, e quen sabe se tamén a dos seus fillos.

Non podemos obviar, ademais, que, en ocasións, nas propias dependencias policiais lles indican que a súa denuncia probablemente non terá percorrido, polo que debería ser doado entender que a vítima cambie a súa declaración.

Así mesmo, compre ter en conta que non sempre contan, nin de lonxe, coa protección que precisan, un factor algo mais que disuasorio para ratificarse na súa declaración. Non esquezamos tampouco a situación de dependencia económica do maltratador que sofren moitas vítimas e, en numerosos casos, por extensión, tamén os seus fillos.

Calan ou menten por pura supervivencia.

Por outra banda, e isto é tanto ou mais importante que o xa exposto, non é xusto que se lles traslade esta responsabilidade as vítimas, liberándose, porén, o sistema dela.

Se realmente queren facer o mellor para elas e contribuír a súa protección, entendemos que o que deberían facer é cumprir coa súa obriga e, cando vexan indicios reais de que unha muller está a ser vítima de violencia de xénero, por moito que ela diga o contrario, continúen adiante co proceso e non a abandonen a súa sorte, asegurándose, por suposto, de que aqueles que teñen a obriga de velar pola súa seguridade, o fagan.

Trasladarlles este novo peso as vítimas é, ademais de inxusto, a mostra mais evidente de que nada se conseguirá na loita contra a violencia de xénero se continúa sendo xestionada desde os despachos, por moita formación que teñan os que os ocupan, e ignorando a súa realidade.

 

Asociación Si, hai saída

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com