" />

A Audiencia avala o peche da investigación e a apertura de xuízo oral contra a acusada de matar á súa filla en Muimenta

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo avala, tal e como decretou o Xulgado de Instrución número 1 de Vilalba, o peche da investigación e a apertura de xuízo oral contra a acusada de matar á súa filla en Muimenta (Lugo) en maio de 2019.

Os maxistrados rexeitaron os recursos presentados polas partes, as cales solicitaba a práctica de novas dilixencias antes de dar por concluída a investigación, e confirmaron o auto ditado pola xuíza instrutora. O tribunal da Audiencia Provincial asegura que ningunha das dilixencias pretendidas pode ser considerada imprescindible para a apertura do xuízo oral, á vez que lembra que iso “non significa que non poidan ser traídas á causa aquelas que poidan ter relevancia”. Así, os maxistrados lembran que as partes poderán “reiteralas no trámite de cuestións previas”.

Nos termos do artigo 25 da Lei do Xurado, segundo destacan os xuíces, “as partes poderán solicitar as dilixencias de investigación que estimen oportunas”. Agora ben, segundo o seu artigo 27, o xulgado de instrución, no caso de que acorde a continuación do procedemento e entre a resolver sobre a pertinencia das dilixencias solicitadas polas partes, “só ordenará practicar ou practicará por si unicamente as que considere imprescindibles para decidir sobre a procedencia da apertura do xuízo oral e que non se puidesen practicar directamente na audiencia preliminar prevista na presente Lei”. A xuíza ditou a apertura de xuízo oral sen a celebración da audiencia preliminar ao renunciar a defensa a ela, tal como se recolle no artigo 30.2 da Lei do Xurado.

A Audiencia, entrando no fondo do recurso, entende que algunhas das dilixencias pedidas polas partes e denegadas pola instrutora non son relevantes, entre as que enumera a reconstrución dos feitos, “que non se mostra como imprescindible, nin sequera plausible, neste momento procesual”; o oficio ao Departamento de Bioloxía do Servizo de Criminalística da Garda Civil para ampliación do seu informe do 29 de xullo de 2019, “que non resulta imprescindible, en termos de razoabilidade, e sen prexulgar o fondo, para a acreditación do feito”; e a petición dun novo informe ao especialista en psiquiatría que na actualidade estea asignado no centro penal de Teixeiro á investigada, “a teor dos informes desta natureza que xa obran na causa”.

Os maxistrados recalcan que ningunha das dilixencias pretendidas pode ser considerada como imprescindible para a apertura do xuízo oral, pero consideran que si podería ser relevante o traslado ás partes, non só ás acusacións recorrentes, do anexo dixital acompañado ao informe no que se di que se realizou extracción da información contida en teléfonos, tarxeta SIM e tablet, así como o traslado ás partes, non só ás acusacións recorrentes, das probas psicométricas realizadas á sospeitosa no HULA e no Imelga e da gravación que se puidese realizar, para a posible realización de pericial de parte.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo