A Audiencia de Lugo condena a nove anos e sete meses de prisión a un home por agredir e reter a súa exparella, que tivo que fuxir pola ventá

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a nove anos e sete meses de prisión a un home por tres delitos cometidos contra a súa exparella: violación de morada, detención ilegal e lesións agravadas. Ademais, deberá indemnizar a vítima con 21.500 euros polos danos sufridos. Non obstante, o tribunal descarta o delito de homicidio en grao de tentativa ao non considerar probado que o acusado actuase coa intención de matala.

Os feitos ocorreron en outubro de 2021, cando o condenado accedeu pola forza á vivenda da súa exparella e, unha vez dentro, agrediuna e impediulle saír. Durante o forcexo, a muller colleu un coitelo para tratar de defenderse, polo que ambos resultaron feridos. Segundo recolle a resolución, ante o temor de que lle puidese facer máis dano, a vítima aproveitou que o agresor se dirixía á cociña para fuxir a unha habitación contigua e lanzarse pola ventá ao patio interior do edificio. A caída causoulle diversas lesións e secuelas psicolóxicas.
A Audiencia considera que as lesións sufridas na caída tamén son responsabilidade do investigado, ao entender que foi a situación de violencia e perigo creada por el a que levou a vítima a saltar pola ventá. A sentenza destaca que a muller estaba “en todo momento baixo o dominio e a supervisión do procesado”.
A sentenza non é firme, xa que contra ela cabe interpoñer recurso ante o TSXG.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com