A Autovía do Cantábrico estrea balizas intelixentes contra a néboa

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, presentou hoxe as balizas intelixentes en climatoloxía adversa (BICA) na A-8, no alto do Fiouco. Un acto no que estivo acompañado polo director do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste, Ramiro Martínez; a xefa provincial de tráfico de Lugo, Paula Yubero Praza; a coordinadora da DXT en Galicia, Mª Vitoria Gómez Dobarro; o xefe do Subsector de Tráfico de Lugo, José Miguel Martínez; o tenente coronel Francisco Javier Molano; e o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo.
Trátase dun proxecto no que se está traballando desde o ano 2015 que, tal e como destacou o delegado do Goberno, consiste “na instalación de balizas intelixentes baseado nun sistema de iluminación composto de tecnoloxía leds en  ámbar e vermello” sobre un poste de 1,5 metros de altura. Segundo destacou, este é un elemento de advertencia que, ante situacións de néboa, activará o cor ámbar indicando a trazada da autovía en condicións de seguridade.
Villanueva explicou que “cando o sistema detecta o paso dun vehículo, ilumínase a parte da baliza en cor vermella para sinalar ao  vehículo que vén detrás que hai un vehículo que lle precede”, ao que engadiu que deste xeito se indica a obrigatoriedade de “manter unha distancia de seguridade apropiada” e permítelle ver o movemento de desprazamento do citado vehículo.
Desde o pasado mes de febreiro o sistema está instalado nun tramo experimental de medio quilómetro en ambos os carrís sentido crecente, e está previsto que se amplíe a cinco quilómetros ciñéndose zona con maior afectación de néboa. Así mesmo, instalouse un panel-esbozo de información para que os usuarios da vía sexan coñecedores deste sistema instalado.
A semana pasada, durante a celebración do 18º congreso da Asociación de Sistemas Intelixentes de Transportes ( ITS), o director xeral de Tráfico, Gregorio Serrano, recibiu un recoñecemento pola instalación das balizas intelixentes en climatoloxía adversa, un premio que posteriormente foi entregado ao director do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste, Ramiro Martínez. O galardón foi concedido pola efectividade que demostrou a BICA como ITS (sistema intelixente de transporte) aplicado á seguridade viaria. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com