" />

A cidade rubrica un pacto cidadán na contra da violencia machista

As forzas políticas con representación municipal e representantes de colectivos sociais da cidade, asinaron este martes no Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade, celebrado no Salón de Plenos, un pacto cidadán por un Lugo libre de violencia machista. Trátase dun documento que ten por obxectivo conseguir o rexeitamento social a calquera acto de violencia contra as mulleres, así como promover modelos alternativos de convivencia, no marco da cultura da igualdade, e conseguir unha tolerancia cero cara a violencia de xénero.

Foi un encontro no que participaron os grupos políticos con representación municipal e representantes de colectivos sociais: da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, de asociacións veciñais non federadas, clubs deportivos femininos, asociacións non gubernamentais de cooperación e desenvolvemento, asociacións de persoas con discapacidade, asociacións de inmigrantes, colexios Médico e de Enfermería, asociacións de mulleres empresarias, voluntariado penitenciario lucense, comité cidadá antisida, Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (ALAS), Unión de Asociacións Veciñais, asociación sociocultural de mulleres rurais A Landra, secretariados da muller de CC.OO., STEG, CIG e UXT, Secretariado Xitano, Asociación Xitanas Feministas pola Diversidade e asociación Enriqueta Otero.

“Co pacto cidadán por un Lugo libre de violencia de xénero queremos facer un chamamento á concienciación cidadá para loitar entre todos contra esta intolerable lacra social, da que foron vítimas no que vai de ano 41 mulleres, sen esquecer aos menores que a padecen e ás súas familias e amizades”; asegurou a concelleira de Benestar e Igualdade, e presidenta do foro, Ana González Abelleira.

O pacto fai fincapé en traballar a prol da igualdade como eixe vertebrador da sociedade, creando redes de actuación conxunta para as administracións, as entidades e asociacións para actuar e mobilizarse conxuntamente contra a violencia machista, que supón un dos principais problemas sociais. A magnitude do mesmo visualízase nas “preocupantes cifras”, tal e como as definiu a edil, máis de 30.200 denuncias por violencia de xénero no primeiro trimestre do ano, preto de 3.500 homes condenados e preto de 4.800 ordes de proteción neste mesmo período.

Sensibilización e prevención

O documento, ao que o Foro buscará máis adhesións no municipio, obriga aos asinantes a organizar actividades de sensibilización e prevención e a crear espazos libres de violencia de xénero, entre outros aspectos. O Concello comprométese a apoiar as iniciativas que poidan desenvolverse en relación a erradicación da violencia contra as mulleres ou a executar o IV Plan de Igualdade, do que tamén se dará conta no vindeiro foro. O pacto renovarase anualmente, cada novembro, onde se asumirán novos compromisos.

Cuarto Plan de Igualdade

No Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade celebrado esta mañá tamén se avanzou na organización dos actos conmemorativos do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, arrancou a elaboración do cuarto Plan de Igualdade municipal e acordouse o apoio a marcha do 7N contra as Violencias Machistas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo