A CIG chama a toda A Mariña a reaxir contra as pretensións de boicotear a folga comarcal

A CIG chama a toda a comarca da Mariña a secundar de xeito masivo a folga xeral convocada para mañá, mércores 17 de novembro, e a participar na manifestación que sairá ás 12 horas do Hospital de Burela, para dar unha resposta contundente ás tentativas da Xunta de Galiza e do Goberno español de boicotear e facer fracasar a folga.

Unha vez máis, e malia as sentenzas que acumula na súa contra, a Xunta de Galiza decretou uns servizos mínimos totalmente abusivos que en sectores como o ensino público, a saúde ou o transporte escolar impiden o exercicio fundamental do dereito á folga. Ademais, a  administración agardou até o último momento para enviar o decreto (remitido ao comité de folga o pasado venres) e non convocou até onte, luns, a reunión para negociar os servizos mínimos, malia que foi telemática.

No ensino público obrígase a que haxa un ou unha docente por aula, mentres que se impoñen un servizos do 100% para o persoal de cociña e de limpeza. Curiosamente, no ensino privado só se establece que se deberá garantir unha persoa para o servizo de cociña/comedor e outra para a limpeza.

Ademais, tamén se impoñen uns mínimos do 100% para o transporte integrado de máis de 4km así como para o transporte de traballadores/as nos servizos realizados antes das 9h e despois das 16h. Nas escolas infantís e nos centros de día ordénase unha actividade como nun día normal e na residencia de maiores de Burela os mínimos superan ao persoal que atende o centro en fins de semana ou festivos.

Diante disto, a CIG chama as familias a desmontar ese boicot da Xunta non enviando as fillas e fillos ás escolas e institutos da comarca e conseguindo a paralización total da actividade laboral que se promove con esta convocatoria.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com