A CIG denuncia ao xerente da EOXI de abandonar a atención sanitaria na Mariña

A CIG fixo denuncia pública este luns da situación de absoluto deterioro na que se atopa o servizo de Rehabilitación e Fisioterapia, “deficitario xa de por si, e con longas listas de agarda” ao que hai que sumar que desde o 31 de xaneiro, segundo denuncia o sindicato nacionalista, o Sergas rompeu o concerto para a prestación de servizos de rehabilitación con clínicas privadas na Mariña, e que todas as persoas que eran atendidas nas mesmas viron suspendido o tratamento de fisioterapia sen recibir ningunha información e solución do SERGAS respecto diso.

Para a Federación da CIG, as decisións da EOXI (Estrutura Orgánica de Xestión Integrada), dirixida por Ramón Ares dende Lugo, demostran unha vez máis que este modelo de xestión afecta gravemente ás prestacións sanitarias na comarca que, lonxe de mellorar, empeoran e redúcense en beneficio do HULA.

Mostra diso e que no día de onte foron contratados seis fisioterapeutas para o HULA para atender a demanda deste servizo após rachar o SERGAS o convenio coas clínicas concertadas. “Mentres tanto, na Mariña os pacientes que estaban a ser atendidos polas clínicas concertadas e viron suspendidos o tratamento de fisioterapia (así como aquelas persoas que estaban en lista de agarda) continúan sen obter unha resposta do SERGAS para paliar este novo recorte sanitario”, sinalan.

Ante esta actuación, a CIG-Saúde pregúntase cal é o motivo polo que non se contratan fisioterapeutas na Mariña, cando “hai cartos para contratar seis fisioterapeutas para o HULA”. A constatación do que tildan de “fracaso” deste modelo de xestión, aseguran de a CIG-Saúde, reflíctese nas sucesivas perdas de servizos e prestacións na Mariña dende a súa posta en marcha no ano 2013.

Veciños mariñaos exixen a Ramón Ares, xerente provincial, un reparto xusto e equitativo dos recursos económicos, humanos e materiais que contemple de inmediato o xa demandado para restablecer o servizo de fisioterapia na comarca, incluíndo tamén un logopeda e un terapeuta ocupacional coma no resto dos centros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo