" />

A CIG denuncia o Centro Comercial Abella por promover e consentir o instrusismo profesional

A CIG presentou denuncia a pasada semana contra o Centro Comercial Abella e as súas  empresas propietarias (Inmobiliaria Aliseda, o fondo de investimentos Blackstone e o Banco Santander) por promover o intrusismo profesional ao contratar persoal para realizar labores seguridade que carece da habilitación pertinente, pondo así en risco a continuidade de oito postos de traballo.

Até o pasado 30 de abril, os servizos de seguridade e vixilancia privada neste centro comercial estaban encomendados á empresa Prosegur, que tiña destinados nas instalacións seis traballadores fixos e dous eventuais. Porén, ás 10 da mañá dese día, e sen información previa, comunicóuselle ao vixilante que estaba de quenda que ás 13horas entregase as chaves ao xestor do CC, xa que non deixaban de prestar servizo neste centro.

“Aos poucos días, tivemos coñecemento que os vixilantes foran substituídos por outros traballadores que carecen da habilitación correspondente, incumprindo de forma clara e concisa toda a lexislación ao respecto”, explica Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo. Subliña que estes novos traballadores están efectuando funcións que son propias do persoal de seguridade privada, tales como controis de acceso de vehículos e persoas, custodia de chaves, protección e vixilancia de bens, materiais e inmóbeis ou revisión e gravación das cámaras, alarmas de incendio e inundación.

Paz lembra que para poder desenvolver estas tarefas, os vixilantes de seguridade privada teñen que obter unha habilitación do Ministerio do Interior,  xa que así o esixe á lexislación vixente. Pero ademais, denuncia que, con esta actuación, Aliseda, Blackstone e Banco Santander “están permitindo e consentindo con toda impunidade que se cometa instrusismo profesional, un delito que está tipificado no Código Penal”.

O sindicalista entende que a decisión de prescindir dos servizos de Prosegur responde unicamente a un interese económico e mercantil “para aforrar cartos a conta de precarizar o servizos de vixilancia e aínda por enriba aproveitándose da situación da maior vulnerabilidade do novo persoal, xa que se trata de traballadores migrantes”. Por iso, na denuncia presentada o pasado venres diante da Unidade Provincial de Seguridade Privada solicítase da Policía Nacional que abra unha investigación e se impoña a correspondente sanción tanto ao Centro Comercial Abella como a empresa contratista deste “pseudo servizo de seguridade”.

A medida foi tan inesperada que Prosegur ten os traballadores afectados cun permiso retribuído até decidir que facer con eles. Neste senso, Paz apunta que pola falta de servizos que ten Prosegur en Lugo “está moi complicada a recolocación, polo que as opcións máis probábeis parecen o traslado ou o despedimento; algo que non imos consentir”, advirte.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo