A contratación, a edición e distribución do programa do San Froilán 2018

O Concello de Lugo vén de sacar a contratación a edición e distribución do programa oficial e carteis das festas do San Froilán 2018, así como a utilización do programa oficial destes festexos, declarados de Interese Turístico Galego e Nacional, para a inserción e explotación de publicidade comercial. O prazo para a presentación de ofertas é de 15 días naturais, rematando o 16 de xullo.

Así o avanzou a titular de Cultura no Concello quen afirmou que a edición terá que estar impresa para o 13 de setembro ou, de ser o caso, quince días despois da entrega do material. Neste prazo inclúense tamén as correcións. A repartición dos programas deberá realizarse entre o 17 e 21 de setembro, ou nos cinco días seguintes á impresión definitiva. Editaranse 55.000 programas e 4.000 carteis, así como 500 carteis do San Froilán Miúdo.

Tal e como se publica hoxe no Perfil do Contratante da web municipal www.lugo.gal , aloxado na Plataforma de contratación do sector público, este contrato non supón custo económico para o Concello de Lugo, xa que este non aboará prezo algún á empresa adxudicataria deste contrato sendo retribuída esta polas persoas físicas e xurídicas que insiran publicidade comercial no programa oficial das festas do San Froilán 2018.

Ademais, quen resulte contratista deberá aboar ao Concello, en compensación pola utilización do programa de festas para explotación directa da publicidade comercial, un importe mínimo de 2.500 euros, que poderá ser mellorado á alza polas persoas licitadoras nas súas ofertas, quedando rexeitadas automaticamente as ofertas económicas que minoren ese prezo. O valor estimado do contrato fíxase en 5.000 euros.

A edil tamén anunciou que xa está asinado o decreto relativo ao procedemento para a autorización da instalación das casetas e caldeiros do polbo durante as festas de San Froilán dos anos 2018 e 2019, cuxas bases sairán publicadas no Boletín Oficial da Provincia, previsiblemente, o vindeiro martes, 3 de xullo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com