" />

A Covid cóbrase unha nova vítima, nunha xornada na que aumentan os contaxios e baixan os casos activos

A Covid19 vén de cobrarse unha nova vida na nosa provincia, nunha xornada na que o número de casos activos descendeu nunha soa infección e no que os positivos aumentaron, de novo, de forma significativa. 

Así, no último informe do SERGAS revélase un aumento dos contaxios que pasan dende os 7 informados no día de onte ata os 12 de hoxe. Unha suba, habitual a finais de semana, pero que hoxe non se reflicte nos totais de infeccións activas. E é que na última xornada este baremo descendía nunha persoa, chegando aos 210 casos covid activos na provincia o que denota certa estabilidade, neste senso. 

Tamén estable permanece a presión asistencial que hoxe conta cun ingresado menos en planta. En total, son 8 os pacientes covid en unidades convencionais, 4 deles permanecen no HULA mentres que os hospitais comarcais de Burela e Monforte contan con 2 pacientes covid cada un. No tocante ás UCIs, no día de hoxe continúan igual que en días anteriores cun total de 4 casos covid no HULA.

Doutra banda, e malia a un gran aumento das altas médicas que hoxe chegan a 15, non é un día de boas novas. Nas últimas horas falecía por mor do virus unha muller  de 83 anos no Hospital de Burela. Con ela xa son 213 as persoas que perderon a vida na nosa provincia por mor da Covid dende que se iniciou a pandemia.

Restricións

E todo isto, nunha xornada na que entran en vigor os cambios nas restricións de diferentes concellos da provincia. Así Barreiros que ata hoxe permanecía en nivel alto de limitacións, pasa ao medio, mentres que Meira sube ao alto. Doutra banda, Trabada permanece no medio e A Pobra do Brollón descende ata o nivel máis baixo de limitacións que se rexistra en Galicia. 

Hoxe o Comité Clínico que asesora á Xunta volvese reunir para valorar o avance do virus concello por concello e decidir as medidas que entrarán en vigor o vindeiro luns 26 de abril. 

Gromos

E doutra banda, Sanidade vén de anunciar un cribado no barrio lucense de Montirón logo de se detectar un gromo con varios casos que xa rondan a decena. Uns 250 veciños estarán citados no covidauto do HULA para este fin de semana. Tamén en Chantada Sanidade ten previsto hoxe realizar un cribado a uns 70 mozos alumnos dos institutos onde xa se detectaron unha vintena de positivos dun gromo activo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo