A Deputación abre as portas ao novo Centro de Atención a Maiores de Castroverde

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Alcalde de Castroverde e Deputado de Cooperación cos Concellos, Xosé María Arias, ademais de persoal técnico provincial e municipal participaron este martes nas comisións de técnicas do Centro de Atención a Maiores de Castroverde que formalizan a apertura oficial desta dotación social.

O Presidente subliñou que hoxe “é un día moi importante para Castroverde e para toda a provincia. Abrimos un novo centro de atención a maiores da Deputación, o Residencial O Castro de Castroverde, un servizo que sabemos que é moi esperado e demandado polo Concello e polos veciños e veciñas deste municipio e da comarca. Un servizo 100% público que favorecerá a calidade de vida e o benestar das persoas maiores, e a conciliación, pero que, ademais, dinamiza a economía local e crea postos de traballo, 30 empregos, o que contribuirá a fixar poboación neste concello e na zona”.

José Tomé puxo en valor a capacidade da Deputación para cumprir co seu compromiso de abrir antes de finalizar o ano esta residencia, aínda tendo en conta as dificultades que supuxo a pandemia, tanto a nivel sanitario como administrativo. “Contamos cun moi bo equipo, que, cun traballo impecable, fixo posible que poidamos abrir hoxe con todas as garantías sanitarias”, sinalou.

Entre esta semana e a que vén, un total de 18 persoas seleccionadas na primeira fase realizarán o preingreso, un proceso no que os futuros residentes coñecen as instalacións e toman contacto co persoal antes de quedarse a residir de maneira definitiva. A institución provincial ofreceulles a posibilidade de entrar a vivir agora ou adiar ese momento á volta do Nadal, tendo en conta os rigorosos protocolos de prevención e contención da Covid-19 co que arranca o centro. Desta maneira, todos decidiron pasar estas datas coa súa familia e entrar a vivir de maneira permanente despois, en xaneiro, para o que teñen que dar negativo na proba PCR.

Durante estas semanas, as persoas co preingreso xa cumprimentado, poderán ir levar os seus obxectos persoais e ir familiarizándose co centro. Para iso, deberán avisar previamente ao centro e acordar o momento para garantir o cumprimento das medidas de aforo e distanciamento social.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com