A Deputación compromete 1M€ á mellora de 5 estradas noutros tantos Concellos

O Voceiro do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos, informou hoxe que o Executivo da Deputación aprobou en Xunta de Goberno o inicio da contratación de obras por valor de 1 millón de euros para mellorar 15 quilómetros de 5 estradas noutros tantos municipios da provincia. Son actuacións nos Concellos de Baleira, Riotorto, Antas de Ulla, Guitiriz e Friol, e das que se beneficiarán milleiros de veciños pois son vías estratéxicas tanto a nivel municipal, como provincial. Cómpre subliñar que os traballos poderán arrancar, logo de seren adxudicados, cando a situación meteorolóxica o permita xa que, con choiva, non se poden iniciar.

Así, en Baleira, melloraranse 3 quilómetros da LU-P-0403 con 140.000 euros. Son actuacións que benefician de xeito directo a uns 400 veciños da zona, así como a ducia de cidadáns que empregan a vía para ir ao polígono do Cádavo, ou para desprazarse dende Baleira á Fonsagrada e Castroverde. Con estes traballos, esta vía quedará totalmente renovada.

Pola súa banda, en Riotorto, acondicionaranse 2 quilómetros da LU-P-2801 que comunica Riotorto con Lourenzá por Augaxosa, con 140.000 euros. Trátase do derradeiro treito desta estrada que quedaba por mellorar. A través destas actuacións, mellorarase o día a día de máis de 3.500 veciños da Mariña, dos Concellos de Riotorto e de Lourenzá.

En Antas de Ulla, rehabilitaranse 1,5 quilómetros da LU-P-0302 con 250.000 euros. Hai comprometidos traballos de 43.000 euros nesta mesma vía que comezarán cando a situación climatolóxica o permita. É a vía que vai de Antas de Ulla de Santa Mariña ao Límite Provincia de Pontevedra.

Na LU-P-2301, en Guitiriz, rehabilitaranse 3,1 quilómetros, con 237.000 euros. É a vía que une o núcleo urbano de Guitiriz co Barrio do Merendero. Son actuacións que se realizan nunha das estradas máis importante do municipio, que posúe moito transito pois une os núcleos dos Vilares, Buriz e Labrada, nos que hai unha grande actividade agrogandeira. Con estas actuacións, esta vía quedará totalmente renovada.

Para rematar, en Friol, acondicionarase un treito de 2,2 quilómetros da LU-P-1611 con 200.000 euros. Trátase do chamado cinturón comarcal, no que xa se executaron melloras con anterioridade. É a vía que rodea á capital lucense, que vai dende o núcleo de Friol cara o polígono industrial de Begonte, á parroquia de Ousá. Complementa á estrada da Xunta que ven de Palas e que se emprega polos veciños de Palas e Friol cara a A-6.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com