" />

A Deputación creará un banco de vivendas deshabitadas

A Xunta de Goberno deste venres aprobará un convenio, asinado por Deputación e Asociación de Empresarios da Construción de Lugo, co obxectivo de crear o primeiro banco de vivendas abandonadas da provincia.

Esta é unha das medidas que a Deputación ten que executar durante este ano, posto que dá resposta á que foi unha das cuestións máis demandadas polos veciños nos Orzamentos Participativos: o impulso da rendabilidade do medio rural e do sector primario para crear emprego e atallar o grave despoboamento que sofre a provincia fixando poboación no rural.

Este convenio permitirá a posta en marcha do primeiro paso para a creación de dito banco, que será a realización dun completo estudo das vivendas que se atopan abandonadas na provincia para determinar, non só o seu número, senón onde se sitúan e, especialmente, cales son as causas dese abandono e corrixilas.

Deste xeito, os resultados deste estudo permitirán contar cos datos necesarios para desenvolver estratexias e programas específicos encamiñados á recuperación destas vivendas en particular, así como do rural en xeral.

Este convenio permitirá fomentará a actividade empresarial e a xeración de emprego na industria da construción, reorientándoa cara a rehabilitación enerxética e sostible. Farao a través do denominado Programa de Impulso da rehabilitación Enerxética e Sostible na provincia de Lugo, unha iniciativa destinada á dinamización da actividade empresarial e á xeración de emprego, en concreto na industria da construción.

Esta industria xera na provincia máis de 5.000 postos de traballo directos, segundo os datos do IGE de xaneiro deste ano, ademais de supoñer un importante motor de impulso de sectores estreitamente relacionados, como o da madeira, o metal ou a pedra, entre outros. Ademais, a rehabilitación enerxética pode crear un novo mercado que xere importantes investimentos; pode revalorizar ata nun 10% o valor das vivendas, ademais de supoñer unha redución de ata nun 50% o consumo de enerxía e, polo tanto, da factura enerxética.

Outro dos numerosos obxectivos deste convenio é ofrecer formación aos traballadores do sector para actualizar as súas competencias profesionais neste eido; poñer en marcha campañas de información entre a cidadanía e os profesionais para aprender as vantaxes da eficiencia enerxética nos fogares, ou dar soporte técnico ás empresas do sector, entre outros.

Así, poranse en marcha campañas para sensibilizar e concienciar aos cidadáns e os profesionais das vantaxes que pode aportar a rehabilitación e a eficiencia enerxética nos fogares. Un portal web; un teléfono gratuíto ou unidades móbiles que se desprazarán pola provincia para ofrecer información in situ aos veciños. Pola súa banda, o sector recibirá formación máis especializada da man dos técnicos e do persoal da propia APEC, ben en xuntanzas que se celebrarán ao efecto, ben in situ, nas obras que se estean executando na provincia.

Ademais crearase unha oficina de información na que dous técnicos expertos na área da construción axudarán ás empresas que o soliciten en cuestións como a busca de vías de financiamento.

Este labor completerase coa organización de diferentes xornadas nas que se dará conta das novidades técnicas en materia de restauración e rehabilitación enerxética que se celebrarán por toda a provincia. O punto final destas xornadas será a entrega dun galardón, o Premio ReEnfócate, que recoñecerá a mellor intervención en rehabilitación da provincia, que recibirá un premio de 8.000 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo