O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que os Orzamentos da institución para o ano 2021 ascenden a 92,5M€ e están centrados nas persoas e na recuperación económica. “Da man dos concellos e do tecido produtivo, seguiremos contribuíndo a paliar os efectos da pandemia e axudando á reactivación da provincia de Lugo, dende o punto de vista social e económico”, entre outras medidas, dobrando os recursos para o mantemento e a creación de emprego, explicou José Tomé.
O mandatario provincial compareceu esta mañá no Salón de Actos xunto á Vicepresidenta, Maite Ferreiro Tallón, e á Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, para presentar os presupostos do vindeiro ano, que serán debatidos e aprobados nun Pleno extraordinario o 30 de novembro.
“Nuns tempos coma estes, de tanta incerteza e cambios debido á pandemia da COVID-19, o que necesita a cidadanía das administracións públicas e dos seus representantes políticos creo que é estabilidade, rigor e confianza. E iso é o que ofrecen estes Orzamentos porque serán efectivos a principios de ano, algo fundamental no actual contexto de loita contra a crise, e polas medidas e políticas que recollen”, explicou o Presidente.
Os Orzamentos da Deputación de Lugo para o 2021 ascenden a 92.418.752,96€, o que supón un incremento de case un punto porcentual con respecto a este ano, unha cantidade que “alcanzamos a pesar do efecto negativo da pandemia nalgúns ingresos correntes, unha caída que, non obstante, compensamos co aumento dun 3% na participación nos tributos do Estado”.
En canto ás medidas, o Presidente destacou a conxelación dos soldos dos membros da Corporación provincial no ano 2021 por decisión do Goberno. “Neste momento de crise social e económica, na que o está a pasar moi mal tanta xente, é o que debemos facer os representantes políticos, que somos persoas con vocación de servizo público por riba de todo”. Para seguir contribuíndo á loita contra a pandemia, o Goberno reforza as súas liñas de traballo prioritarias: o apoio ao emprego dentro das políticas sociais; o impulso aos sectores produtivos estratéxicos da provincia; a cooperación cos concellos e co tecido social e a mellora da mobilidade.
O Presidente explicou que para o ano 2021 a Deputación duplica os recursos para o mantemento e a creación de emprego, chegando aos 9M€, dos que 5 están contemplados nos Orzamentos e 4 proceden de fondos que o Goberno captou da Unión Europa a través da Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Estes recursos dedicaranse a axudas para a contratación de persoas desempregadas, ó apoio ao emprendemento e a plans de formación, e tamén a plans de transformación dixital e de mellora da competitividade de PEMES e autónomos, ben de xeito directo, ou ben a través da cooperación cos Concellos ou co propio tecido produtivo. r o sector primario”, asegurou o Presidente.