A Deputación e a Academia Galega do Audiovisual promoven un ciclo de cinema galego, que chegará a Foz, Vilalba, Chantada, Sarria e A Pobra do Brollón

A Deputación de Lugo e a Academia Galega do Audiovisual (AGA) dan un paso máis na súa colaboración para difundir o audiovisual galego cun ciclo de proxeccións das longametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo en Foz, Vilalba, Chantada, Sarria e A Pobra do Brollón.

Este circuíto de cinema galego comezará en marzo e proxectará unha película ao mes en cada unha das localidades, como sinalaron na presentación a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e o guionista lucense e vicepresidente da AGA, Pepe Coira.

A colaboración consolida e amplía unha iniciativa que se puxo en marcha xa o ano pasado, con moi boa acollida entre o público, e que ten como obxectivo ofrecer unha programación estable de cinema en galego en concellos que non teñen salas comerciais.

En cada localidade, proxectaranse oito longametraxes: as catro finalistas ao premio á mellor longametraxe de ficción e as catro finalistas na categoría de mellor documental, que se coñecerán no mes de febreiro.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, valorou “a continuidade desta colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, que se amplía con respecto ao ano pasado, chegando a dúas localidades máis e con máis filmes, e que contribuirá á difusión e ao recoñecemento do cine feito no país”.

A deputada de Cultura incidiu tamén na aposta por “achegar o cinema a localidades que non dispoñen de salas comerciais e que, con actividades coma esta, contarán cunha programación regular e de calidade no ámbito audiovisual” e agradeceu “a colaboración das asociacións e concellos para levalas adiante”.

Pepe Coira explicou que esta colaboración coa Vicepresidencia da Deputación incide nos obxectivos fundamentais da Academia Galega do Audiovisual: contribuír á difusión do audiovisual galego e achegar as películas galegas ao seu público natural.

Ademais reivindicou “o consumo comunitario de cine”. “Vemos máis cine que nunca pero adoitamos velo na casa, e nos entendemos que é necesario manter o consumo en salas, por iso agradecemos o interese das institucións e das asociacións con este ciclo”.

Na presentación participaron tamén representantes dos concellos e asociacións que colaboran no ciclo, entre eles, o alcalde da Pobra do Brollón, Xose Lois Maceda; Luis Díaz Abad e José López Campo, do Cineclube Leslie Nielsem de Sarria, e Marisa Barreiro, do Instituto de Estudos Chairegos. Tamén colaboran coa iniciativa a Concellería de Mocidade de Foz e Airoá Comunicación de Chantada.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com