A Deputación inicia obras de mellora en 9 estradas provinciais en 5 concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou hoxe un conxunto de Plans de Seguridade e Saúde no Traballo das obras de rehabilitación do firme de 9 estradas provinciais de 5 concellos nos que a institución provincial investirá máis de 1millón de euros. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno que explicou que as obras poderán iniciarse nos vindeiros días de forma inmediata e que, estarán rematadas antes de seis meses.

No caso da Fonsagrada, trátase da rehabilitación da estrada LU-P-1911 que conecta Mesón Novo co Ventorrillo e con Chao de Vaga, entre os puntos quilométricos 7,5 e 9,5; e entre o 11,5 e 14,3. Un total de 5 quilómetros nos que se invisten 198.199 €.

No concello de Monforte de Lemos e no da Pobra do Brollón “imos comezar a rehabilitación da estrada LU-P-3203 que conecta o núcleo de Monforte con Rozabales; e tamén a LU-P-4702 que vai dende Vilachá ata a Pobra do Brollón”, sinalou a deputada provincial. Nesta obra arranxaranse preto de 7,5 quilómetros e vanse investir 264.000€.

Pola súa banda, no concello da Pontenova as obras que se van executar son na estrada LU-P- 4802 que conecta Santalla-Navallo con Ponte Soutelo, entre os quilómetros 8 e11; tamén se vai actuar na LU-P-4806, a vía que vai dende Vilaxe ata Ribeira de Piquín nun treito de máis de 2 quilómetros; e na LU-P-4809, estrada que conecta a parroquia de Conforto con Souto de Mogos, nun treito de máis de 1 quilómetro. Un total de 6 quilómetros e medio nos que se invisten 310.000€.

Ademais, no concello de Chantada vaise mellorar o firme da estrada provincial LU-P-1802, que une Chantada co encoro de Belesar; tamén a LU-P-1804, que conecta Touza con Ponte de San Fiz e a LU-P-1809, que discorre entre Chantada e Antas de Ulla. En total son case 9 quilómetros e medio e nestas tres vías provinciais invístense 317.000€.

Polo demais, a Xunta de Goberno deste venres tamén aprobou a contratación do servizo de mantemento dos elevadores e portas automáticas dos Centros de Atención a Maiores da Deputación en Trabada, Pol, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro e Castroverde. O importe deste contrato para as anualidades deste 2020 e do 2021 ascende a 11.572€.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com