" />

A Deputación pedirá a implicación do Goberno estatal para manter a actividade de Alcoa

Xornada de pleno hoxe na Deputación de Lugo, na que se levaron dúas iniciativas en relación co mantemento da actividade económica e o emprego das centrais de Alcoa, tanto na Mariña como na Coruña e Avilés. O PP e o BNG presentaban sendas propostas avogando pola implicación do Goberno do Estado para que se manteña a actividade nestas plantas industriais.

O encargado de dar voz a esta moción, por parte dos populares, foi o deputado Demetrio Salgueiro, quen resaltaba, antes de entrar no pleno, a importancia que esta planta ten para a Mariña e todo o que podería significar o seu peche. O nacionalista, Antonio Veiga, aseguraba tamén esta mañá que o principal problema de Alcoa era un problema de enerxía que, segundo o deputado, vénse alargando dende hai tempo.

Ambos grupos conseguiron a unanimidade da Corporación para demandar a implicación do Goberno do Estado para manter a actividade e os empregos das centrais que o Grupo Alcoa ten en San Cibrao, A Coruña e Avilés. A maiores, promoveron a aprobación dunha declaración institucional da Deputación de Lugo co mesmo contido que a aprobada no Parlamento de Galicia para requirir ao Goberno do Estado.

Na iniciativa presentada polos populares instan ao Goberno de España, dirixido por Pedro Sánchez, a ter en conta a importancia do número de empregos directos e indirectos que xeran estas plantas no seu territorio, nomeadamente na Mariña onde esta industria supón un emprego directo de máis de 1.100 traballadores, aos que sumar 700 empregos auxiliares e miles de postos de traballo indirectos en toda a comarca.

Os populares consideran que tanto San Cibrao, como A Coruña e Avilés comparten “un problema común”, polo que piden a unión das forzas para conseguir acordos útiles con independencia de cores políticas que favorezan a continuidade do emprego e da actividade da empresa.

Desde as agrupacións consideran preciso e urxente conformar unha fronte institucional e política común en defensa do emprego e do mantemento da actividade industrial de Alcoa, polo que consideran “de vital importancia” contar co apoio e a implicación do Goberno de España.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo