A Deputación prestou asesoramento gratuíto a 13 Concellos para concorrer a obradoiros de emprego

O voceiro provincial socialista, Álvaro Santos, informou este venres, logo da reunión da Xunta de Goberno, que 13 Concellos da provincia desfrutaron, de xeito totalmente gratuíto, do asesoramento técnico e administrativo que ofrece a Deputación para concorrer aos obradoiros de emprego que ofrece a Xunta de Galicia.

Santos Ramos informou que “os Concellos que recibiron este asesoramento, que ofrecen os Técnicos de Emprego que prestan os seus servizos no organismo provincial, son: Castroverde, A Pastoriza, Pol, Riotorto, Baleira, Xermade, Muras, Guitiriz, Sarria, O Páramo, Guntín, O Corgo e Monforte de Lemos; que solicitan  obradoiros, con certificado de profesionalidade, de agricultura ecolóxica, albanelería ou institucións sociais; entre outros”.

A axuda baseouse en dar forma aos proxectos de obra de obradoiros como o de albanelería; a través da Unidade de Proxectos da Deputación; así como proxectos para outro tipo de actividades, como a de agricultura ecolóxica ou servizo a domicilio, feito a través dos dinamizadores de emprego.  Ademais, elaboráronse as partes formativas das actividades, co fin de adaptar os certificados de profesionalidade. Por último, os técnicos de emprego crearon o informe final sobre de custe.

O voceiro tamén informou que, a Xunta de Goberno vén de resolver unha nova empresa beneficiada do Ben Empregado, que ofrece un posto de traballo de camareiro en Triacastela. Santos Ramos destacou que “ o vindeiro luns, publicaremos na Bolsa de Emprego outros 6 postos de traballo. Os interesados, terán un prazo máximo de 10 días para poder solicitalos”.

Concretamente, os perfís aos que se poderá optar son: comercial, para traballar en Lugo; peón forestal para Chantada; 1 técnico de Turismo e 1 camareiro de sala para Monforte de Lemos; e 2 cociñeiros para Foz.

Santos Ramos destacou tamén “o éxito e bo funcionamento da Bolsa de Emprego da Deputación, na que hai rexistradas preto de 1.750 solicitudes, dos máis de 70 postos que levamos ofrecidos a través desta ferramenta web; e no Servizo de Guía Laboral hai anotadas 181 persoas para recibir asesoramento e orientación laboral, dos que 121 son presenciais e 60 online”.

Outros acordos

A Xunta de Goberno aprobou a contratación de fundentes para os traballos que o Dispositivo Invernal da Deputación está a realizar na rede viaria provincial durante a campaña deste ano e parte do que vén. A contía ascende aos 73.568 euros, que están limitados ao gasto real das toneladas que sexa preciso empregar. Así mesmo, a Xunta sacou adiante a creación dun ficheiro na Axencia Española de Protección de datos sobre información relativa aos solicitantes dos cursos e obradoiros que ofrece a Deputación a través da Área de Medio Ambiente, tal e como indica a lei.

Ademais, tamén se aprobou o gasto de material non inventariable por valor de 197.284 euros. Trátanse, por exemplo, de áridos para o acondicionamento de vías provinciais e municipais; subministro de alimentación do gando da granxa Gayoso Castro ou servizos de vixilancia, entre outros.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com