A Deputación presenta o portal web AsociaLugo

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, presentou hoxe nun acto que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, e que contou coa participación de preto dun cento de asociacións procedentes de toda a provincia, a nova ferramenta web, totalmente gratuíta, que a Deputación vén de poñer en marcha para elas: AsociaLugo.

Este novo portal web, que a Deputación convertirá nunha ferramenta ofrecerá grandes vantaxes prácticas ao tecido asociativo lugués, será a primeira web que servirá como punto de encontro no que as asociacións poderán darse a coñecer, poñerse en contacto entre elas e sacar proveito das súas experiencias, etc. Esta iniciativa está cofinanciada ao 80% por fondos europeos FEDER, a través do programa InnovaTE-2: Deputación Dixital.

A Vicepresidenta, que estivo acompañado polo Director de Fondos Europeos da Deputación, Pablo Rivera, destacou que “os orzamentos participativos foron unha máis que positiva experiencia. Moitos dos máis de 55.000 lucenses que participaron fixérono como parte de máis de 300 asociacións, o que deixou patente o que xa sabíamos: que Lugo conta cun tecido asociativo moi implicado co desenvolvemento da nosa provincia”.

Méndez destacou que a creación deste portal web asociativo “responde á nosa intención de seguir traballando para que todos os lucenses dispoñamos do maior número de ferramentas que nos permitan tomar parte activa en multitude de asuntos que nos afectan a todos”.

AsociaLugo ofrecerá grandes vantaxes dende o punto de vista práctico a todas as asociacións que se rexistren. De xeito totalmente gratuíto, poderá servirse desta web para dar difusión ás súas actividades e coñecer as actividades doutras; intercambiar datos de interese; obter información puntual de calquera convocatoria de axudas ou subvencións sen necesidade de revisar boletíns oficiais; etc.

Tras a presentación do portal, entre as 17:00 e as 20:00 horas, celebrouse o primeiro dos tres obradoiros prácticos programados, que estarán a cargo de profesionais de ampla experiencia no ámbito dixital, cos que os participantes poderán tomar contacto práctico con este novo portal e ampliar os seus coñecementos acerca das vantaxes da presenza das asociacións nas redes sociais.

Estes obradoiros, totalmente gratuítos e de asistencia libre, desenvolveranse no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, entre as 17:00 e as 20:00 horas. Os asistentes recibirán, ademais, diplomas acreditativos.

No celebrado hoxe, os asistentes puideron aprender acerca da web social ou da importancia dunha boa estratexia de comunicación online para as asociacións.

As asociacións interesadas en entrar a formar parte do primeiro portal dixital só teñen que inscribirse a través da web da Deputación, www.deputacionlugo.gal, ou ben presentando no Rexistro Xeral da entidade o formulario que aquí poderán atopar ou ben descargar na citada web.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com