" />

A Deputación promocionará a provincia no Rally Dakar co patrocinio do piloto de motos Eduardo Iglesias

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, recibiu este xoves na Praza de San Marcos ao piloto de motos Eduardo Iglesias, que participará no Rally Dakar 2021. A institución provincial colabora por segundo ano consecutivo co deportista monfortino, neste caso cunha achega de 12.000€, que se incrementou con respecto a pasada edición, para promocionar a provincia no rally máis grande do mundo. Concretamente, Eduardo Iglesias portará o escudo da Deputación e a imaxe da marca turística Lugo Cambia, creada pola institución provincial.

Na presentación desta nova colaboración da Deputación co piloto, Tomé Roca explicou que a institución decidiu apoiar de novo a participación de Iglesias no Dakar por dúas razóns fundamentais: “porque apoiamos ás persoas da nosa provincia que teñen talento. E está claro que Eduardo Iglesias ten un gran talento deportivo, como demostrou o ano pasado quedando por debaixo do top 100 no Dakar; e porque estar presente nesta proba servirá para a proxección da nosa provincia a nivel internacional”.

Preto de 200 países emiten esta cita deportiva, única no mundo, reunindo a 5 millóns de espectadores en directo en cada etapa e obtendo 54 millóns de visitas en internet. Todo isto, tradúcese en milleiros de espectadores potenciais. “Para a provincia de Lugo é unha oportunidade excepcional que a nosa imaxe estea no foco dos competidores, dos equipos, dos medios de comunicación e dos afeccionados de todas as partes do mundo”, asegurou o Presidente.

O obxectivo da Deputación, engadiu José Tomé, é “manter e xerar interese pola nosa provincia para que, cando a situación sanitaria mellore, os visitantes se decidan por vir aquí, e que poidamos recuperar a actividade económica máis pronto do gravísimo impacto que está provocando a crise, sobre todo nos sectores do turismo, a hostalería e o comercio”.

“Esta é unha liña de traballo prioritaria para este Goberno”, afirmou o Presidente. “Promocionamos a nosa provincia fóra poñendo en valor o noso patrimonio material e inmaterial. Facémolo con esta colaboración con Eduardo Iglesias para participar no Dakar, pero tamén quero lembrar outras medidas recentes, como a colaboración con produccións audiovisuais de impacto nacional e internacional como a serie O Sabor das Margaridas ou o ingreso desta institución na Ruta Transrománica, o que sitúa ao románico da Ribeira Sacra na máxima visibilidade e recoñecemento a nivel europeo”, explicou.

Pola súa parte, o piloto Eduardo Iglesias agradeceu a colaboración da Deputación e asegurou que “sen este tipo de axudas por parte das administracións públicas sería inviable poder participar no campionato, así que agardo obter un bo resultado e deixar á provincia de Lugo no lugar que lle corresponde”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo