A Deputación promove en XANTAR o potencial do turismo gastronómico da provincia

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, participou hoxe na inauguración do 20ª Salón Internacional do Turismo Gastronómico 2019, XANTAR, que terá lugar, do 6 ao 10 de febreiro na capital ourensá, e no que a Deputación terá presenza cun stand propio para promocionar o turismo da provincia a través da gastronomía e dos seus produtos autóctonos de primeira calidade.

Vidal Baamonde subliñou “XANTAR é un escaparate idóneo que reúne a preto de 25.000 visitantes, no que amosar o gran potencial gastronómico da provincia de Lugo. Tres de cada catro españois viaxan motivados pola gastronomía e a nosa riqueza culinaria, a gran calidade dos nosos produtos autóctonos e as numerosas festas gastronómicas da nosa provincia, constitúen unha motivación extraordinaria para que máis turistas gastronómicos realicen escapadas e viaxen pola nosa provincia. E, para comer Lugo…”.

XANTAR é un importante encontro do sector turístico da comunidade galega, un referente totalmente consolidado para os destinos enogastronómicos máis punteiros. tanto de España como de Portugal.

Durante os cinco días que dura o evento, o Goberno da Deputación conta
cun stand propio para promocionar os encantos turísticos e a recoñecida e valorada riqueza gastronómica da provincia de Lugo. O venres 8 de febreiro, será o Día da Provincia de Lugo.

Como novidade, en XANTAR 2019, a Deputación pon a disposición dos visitantes cinco novos folletos promocionais dos 4 xeodestinos da provincia de Lugo (A Mariña Lucense, Ribeira Sacra, Ancares Courel e Terra Chá), e tamén un especial dedicado á gastronomía lucense. Os visitantes que se acheguen a este espazo, poderán dispor tamén das novas guías ‘E, Para comer Lugo…, presentadas recentemente en FITUR e editadas coa colaboración do organismo provincial.

No stand propio da Deputación ofreceranse degustacións de alimentos típicos lucenses: embutidos de Porco Celta, faba de Lourenzá e viños DO Ribeira Sacra. Ademais, o venres 8 de febreiro, que é o día especial dedicado á provincia de Lugo, todas as persoas que se acheguen a este espazo recibirán un pequeno agasallo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com