" />

A Deputación propón ao cineasta Óliver Laxe ás Medallas Castelao

A Deputación de Lugo,  propón ao cineasta e emprendedor rural Óliver Laxe ás Medallas Castelao 2020 polo seu labor no impulso do Novo Cinema Galego, do que é referente, e polo seu compromiso e implicación na defensa e promoción do medio rural galego, sobre todo na comarca dos Ancares.
A institución provincial rexistrou oficialmente este mércores a candidatura de Óliver Laxe ás Medallas Castelao, xunto con un amplo documento sobre a súa traxectoria e as cartas de apoio da trintena de asociacións e concellos cos que a entidade mantivo contacto para promover a proposta.

A Deputación expón na súa proposta que Laxe é merecedor da Medalla Castelao pola súa implicación na defensa do medio rural de Galicia por potenciar proxectos culturais e de vida en xeral, pola súa implicación na cultura e nas tradicións, por ser fillo da emigración e basear parte da súa filmografía nun problema fundamental do territorio galego, como é o despoboamento e o abandono do rural galego.
Oliver Laxe ten unha estreita relación familiar e afectiva coa comarca dos Ancares. Está empadroado no Concello de Navia de Suarna, de onde son os seus avós maternos e desde hai uns anos está a restaurar a casa dos seus antepasados en Vilela, na parroquia de Santa María de Son.
O seu compromiso con Navia de Suarna e cos Ancares vén de manifestarse no seu último traballo cinematográfico, O que arde, que se rodou en galego nesta comarca lucense. Con esta nova película estreada no ano 2019, Laxe achegou ao mundo a un hipnótico e fascinante retrato dun modo de vida en extinción na Galicia rural, onde vén a mostrar de forma descarnada un dos problemas existenciais do territorio galego, como é o despoboamento e o abandono da Galicia rural e as súas imprevistas consecuencias.
O afamado director ten manifestado que un dos obxectivos do seu traballo na comarca dos Ancares é contribuír a revivificar os vales, onde tantas xeracións de labregos, e máis en concreto a súa familia, viviron, e que se sinte coa obriga de honrar a súa liñaxe. Para isto
precisa crear certas enerxías económicas e acometer diversas iniciativas, entre as que destacan a rodaxe da súa terceira película ou o seu último proxecto, que consiste nun centro pedagóxico, terapéutico e comunitario situado en Vilela, unha aldea dos Ancares. Unha
plataforma a través da cal se poidan organizar obradoiros, proxeccións, conferencias e encontros comunitarios de carácter cultural, sen ánimo de lucro, aos que acudan xentes de todos os eidos, formacións, idades e nacionalidades, posibilitando así un fértil e construtivo intercambio entre Vilela, a comarca e os seus visitantes. O carácter innovador desta proposta radica, ademais, en que todas as actividades docentes xirarán ao redor do traballo no souto de Vilela, o verdadeiro eixo vertebrador do proxecto.

O director de cinema atesoura máis dunha vintena de premios e nominacións en certamesnacionais e internacionais que recoñecen e poñen o valor o coidado e minucioso traballo que vén desenvolvendo dende hai máis dunha década.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo