A Deputación reedita o ‘Ben Empregado!’ para crear 350 empregos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez López, presentaron este luns a segunda edición do Ben Empregado!. Trátase do 4o macroproxecto de creación de emprego que a Deputación ofrece aos lucenses nos últimos catro anos, para xerar outros 350 postos de traballo na provincia.

Gómez Besteiro subliñou que “o feito de que non teñamos competencias directas na materia non será nunca unha excusa para non actuar, posto que a obriga legal de calquera administración é satisfacer as necesidades dos cidadáns. E así o estamos a facer, porque foron ademais os propios veciños os que nolo pediron durante a elaboración dos Orzamentos Participativos, cando un 42% deixaron claro que o emprego é absolutamente prioritario”.

“Xa anunciaramos que, á vista do enorme éxito da primeira edición do Ben Empregado!, que superou amplamente calquera expectativa xa que recibimos solicitudes de 395 entidades e 3.297 lucenses desempregados, lanzamos agora unha segunda edición do programa. Como o noso desexo é chegar ao maior número de desempregados posible, nesta edición aumentamos o investimento con respecto á primeira, pasando de 4,4 millóns a 6 millóns de euros, o que permitirá a participación de aínda máis empresas e máis lucenses desempregados, ata chegar a crear eses 350 postos”, remarcou Besteiro.

O organismo provincial subvencionará novamente ás empresas a totalidade dos custes salariais e de Seguridade Social dos traballadores durante un ano, con achegas de ata 22.000 euros por persoa, sendo a maior axuda que concede unha administración en Galicia para fomentar a contratación do persoal. “Serán empregos de calidade, porque as entidades beneficiarias terán a obriga de incorporar cláusulas sociais en todos os contratos, blindando os dereitos dos traballadores. E serán tamén axeitados ás necesidades reais da provincia, unindo directamente a oferta coa demanda logo de escoitar aos tecidos asociativo e empresarial”, salientou o Presidente.

O Ben Empregado!2 xa comezou dado que o venres pasado a Xunta de Goberno da Deputación aprobou as bases. Estas publicaranse maña no BOP e o mércores 1 de abril abrirase un prazo de 15 días naturais, para que as entidades interesadas presenten a documentación. Estas poderán ser autónomos, PEMES, CBS, asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro.

A Vicepresidenta Segunda explicou que o primeiro paso será a selección destas entidades e asociacións, que se realizará novamente polo procedemento de concorrencia competitiva. Para iso, unha Comisión Técnica de Valoración será a encargada de puntuar todas as solicitudes en función dos criterios sinalados nas bases, entre os que están por exemplo, o número previo de traballadores cos que conten as entidades, puntuando máis alto aquelas que conten con menos persoal; o seu domicilio fiscal, dando maior puntuación ás que o teñan en Concellos de menos de 5.000 e 2.000 habitantes; ou o grao de compromiso para continuar os contratos posteriormente, “de xeito que tamén contribúamos a favorecer aínda máis a estabilidade laboral”.

As entidades beneficiarias poderán contratar ata un máximo de 2 persoas para que o reparto sexa o máis regular e equitativo posible. Serán as propias entidades beneficiaras as que determinen os perfís dos traballadores, atendendo a criterios non sexistas e non limitando a idade que deben ter o persoal. Ademais, tampouco poderán ser seleccionados ningún traballador que nos últimos 6 meses tiveron relación contractual coa entidade beneficiaria, a excepción de aqueles traballadores afectados por procedementos de regulación de emprego.

Unha vez determinadas as entidades beneficiarias, a Deputación iniciará a selección dos desempregados mediante convocatoria pública.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com