" />

A Deputación resolve o contrato coa empresa de limpeza e encarga o servizo a Tragsa garantindo os 32 empregos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé,  mantivo este xoves na Sala de Xuntas un encontro coas traballadoras e traballadores do servizo de limpeza das dependencias provinciais para informarlles de que a Xunta de Goberno aprobará mañá venres a resolución do contrato coa empresa adxudicataria do servizo, Tempo Facility Services SL, debido ao incumprimento de obrigas esenciais como o abono de salarios, así como o encargo do mesmo con carácter provisional á empresa pública Tragsa garantindo a continuidade dos 32 postos de traballo.
Estas decisións aseguran a prestación do servizo e a estabilidade e os dereitos salariais e laborais da plantilla. A resolución do contrato terá efectos dende o 11 de marzo e o encargo a Tragsa terá vigor dende o día 12.
José Tomé explicoulles ás empregadas e empregados que o encargo a Tragsa leva consigo a súa subrogación á empresa pública, co cal se garanten a totalidade dos 32 empregos e mantéñense tamén as súas condicións salariais e laborais, tal e como se comprometera o
propio Presidente coas traballadoras.
Tragsa, medio propio da Deputación dende que entrou o pasado decembro no seu accionariado, farase cargo da limpeza de dependencias provinciais de maneira provisional, mentres a institución desenvolve a tramitación dun novo concurso para adxudicar outra vez o contrato. A duración prevista da encomenda é, deste xeito, de 6 meses, por un importe económico de 404.336,14€.
A Xunta de Goberno acordou o día 31 de xaneiro iniciar o procedemento de resolución do contrato, un proceso que concluirá mañá co acordo do Executivo de extinguir a relación contractual con esta firma, que leva consigo a incautación da garantía, de 98.894,97€.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo