" />

A Deputación traslada ao Xulgado os recursos presentados contra a adxudicación de accións do Lugo

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, deu conta hoxe tras a celebración da Xunta de Goberno da aprobación do acordo de remitir ao Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo, tanto copia do recurso de reposición presentado por varios socios contra o acordo de adxudicación de accións do Club Deportivo Lugo, como das solicitudes de revisión de oficio da aceptación de encomenda de xestión do Concello de Lugo a esta Deputación, para a enaxenación das accións de dita sociedade anónima deportiva.

En concreto, a presidenta da Deputación lembra que este asunto atópase no Xulgado do Contencioso-Administrativo, e a Deputación “non desexa, nin pode legalmente interferir no exercicio da labor xurisdicional”. De xeito preciso, no punto de acordo apróbase remitir os recursos presentados por varios socios ao Xulgado “co gallo de que no seu momento aprecie, de ser o caso, a existencia de litispendencia”.

Candia asegura que “adoptamos esta decisión tras un informe da Asesoría Xurídica da Deputación do día 19 de agosto de 2015, no que pon de manifesto a doutrina segundo a cal a litispendencia impide a revisión de oficio dos actos administrativos, correspondéndolle, a apreciación de dita circunstancia, á xurisdición contencioso- administrativa”.

Prazas de alugueiro para refuxiados sirios

A Xunta de Goberno de hoxe tamén aprobou o compromiso da Deputación de habilitar 30 prazas en vivendas mediante o réxime de alugueiro para os refuxiados da guerra de Siria. Deste xeito, a Deputación de Lugo envía á Fegamp a oferta de recursos que a administración provincial poderá poñer a disposición nesta primeira fase para atender á iniciativa coordinada pola Consellería de Benestar da Xunta de Galicia.

A maiores, a Deputación de Lugo está a estudar con técnicos e co departamento de Patrimonio o estado das instalacións das que dispón a administración lucense e que se poderían chegar a converter nunha vivenda digna para atender aos refuxiados que chegan á provincia.

De igual maneira e de ser necesario, o Goberno provincial tamén analiza a posibilidade de dar apoio aos concellos ou entidades sociais que participen nesta iniciativa de acollida, coa finalidade de realizar unha labor coordinada e operativa no relativo aos esforzos e recursos humanos dispoñibles.

Outros asuntos

A presidenta da Deputación informou esta mañá que se mantiveron reunións cos departamentos correspondentes para axilizar a tramitación necesaria de cara a devolver un 25% da paga extraordinaria aos empregados públicos correspondente ao ano 2012, o que se estima que suporá en torno a uns 220.000 euros.

Doutra banda, na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse o modelo de convenio de colaboración entre a Deputación e os Concellos para a adhesión ao Portal de Transparencia, co obxecto de actualizar esta ferramenta tras recibirse en pésimas condicións pese a que os socialistas desembolsaron un importe de 1.326.000 euros.

De igual maneira, continúase a darlle trámite ao procedemento de posta a disposición da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo da parcela situada en Codesido, na parroquia de Santa María de Muxa, para os fins e actividades que desenvolve esta entidade. En concreto, a cesión desta parcela conta cunha extensión de 41.560 metros cadrados, e efectuarase durante un período de 10 anos.

A Deputación está a atender deste xeito á petición da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, para que poda dispoñer de maior espazo e que as súas actividades podan realizarse nas mellores condicións posibles, facilitando o aloxamento dos animais, para proporcionarlles un ambiente adecuado, cómodo e hixiénico.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo