A DXT desenvolve desde o luns unha campaña especial de vixilancia contra as distraccións ao volante

A Dirección Xeral de Tráfico comezará o vindeiro luns unha campaña especial de vixilancia contra as distraccións ao volante en Galicia. Ao longo da semana, axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis deste tipo nas estradas galegas, con especial atención ás vías convencionais. Para o desenvolvemento da campaña, que estará coordinada polas xefaturas provinciais de tráfico, utilizaranse o máximo número de medios humanos e materiais dispoñibles.

Ademais, sempre que sexa posible, advertirase aos condutores da existencia próxima de controis, tanto a través dos paneis de sinalización variable como das pantallas alfanuméricas dos vehículos da Agrupación de Tráfico situadas nas inmediacións. As distraccións na condución prodúcense cando algún suceso, actividade, obxecto ou persoa, dentro ou fóra do vehículo, captan a atención do condutor e desvíana da tarefa de conducir. É fundamental que o condutor centre toda a súa atención na tarefa de conducir.

A maioría das desatencións ao volante teñen como orixe o uso indebido de teléfonos móbiles, navegadores GPS ou outros dispositivos. Neste sentido, é importante destacar que o uso do teléfono móbil multiplica por catro o risco de accidente equiparándoo ao de facelo baixo os efectos do alcol. SANCIÓNS Na mesma campaña do ano pasado, realizada tamén en setembro, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil controlou 35.326 vehículos nas estradas galegas, e impuxo 417 sancións, das que 101 foron por uso indebido do móbil. Convén lembrar que as distraccións poden carrexar sancións de 200 euros e perda de tres puntos no carné.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com